Noticias

A Deputación de Pontevedra completa o 100% das achegas económicas do Plan Concellos para Catoira

O goberno provincial vén de aprobar o último investimento, de máis de 52.000 €, para o acondicionamento de instalacións deportivas municipais


24 mai 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, destina unha achega económica de 52.532,18 € para o concello de Catoira, que se utilizará para o acondicionamento de instalacións deportivas municipais. Trátase dunha contía enmarcada na liña 1 -investimentos- do Plan Concellos que a institución está desenvolvendo durante este ano 2016. Con esta partida, a Deputación completa o 100% dos investimentos do Plan Concellos 2016 no municipio de Catoira, que ascende a un total de 379.861,02 €.

Dentro da liña 1, ademais da achega agora aprobada, a Deputación xa tiña destinado 170.636,17 € para a subministración de equipamentos culturais e deportivos, a dotación do parque infantil e recinto escolar, a construción da pista de pádel, o acondicionamento das dependencias da nova casa consistorial, a pavimentación de varios viais e as melloras na iluminación das instalacións deportivas.

Ao abeiro da liña 2 -gastos correntes, amortizacións e pagamento de débedas- achegáronse 56.979,15 € para o pagamento a acredores, así como outros 14.244,79 € para a LVI Romaría Vikinga, dentro da liña 3 -actividades deportivas, culturais, musicais e medioambientais-. Así mesmo, na liña 4 -plans de emprego- o ente provincial destinou 85.468,73 € para a contratación de 20 traballadores e traballadoras para desenvolver diversas tarefas municipais.