Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de 170.000 € a Catoira para o saneamento e pavimentación en Gondar ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

A Deputación de Pontevedra xa investiu en Catoira máis do 67 % da contía que lle corresponde ao municipio no marco do Plan Concellos 2017


01 abril 2017
Aprobación plan concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a primeira achega ao abeiro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2017, para o concello de Catoira. En concreto, a través desta achega de 169.999,92 € o concello poderá levar a cabo investimentos para o saneamento e pavimentación de Gondar.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou que "a través desta achega estamos a permitir que concellos como Catoira poidan facer fronte a servizos e equipamentos municipais tan básicos como os relativos ao saneamento e á pavimentación do núcleo rural de Gondar". Amais, Silva engadiu que "con esta aprobación xa temos investido no concello de Catoira máis de 272.000 € o que supón que xa se concedeu á vila ó 67 % das achegas correspondentes ó Plan Concellos 2017". En concreto, amais do aprobado esta semana, Catoira recibiu xa 61.334,62 € para a contratación de 11 persoas para garantir os servizos municipais e 40.889,75 € para o pagamento de acredores.

Ata o momento o investimento aprobado relativo á liña 1 do plan concellos sitúase en máis de 1,3 millóns de €. Para este ano a liña 1 está dotada de 25.750.000 €, 750.000 € máis que o ano pasado, o que supón o 62,5 % do conxunto do Plan Concellos 2017, que conta cun investimento de 41,2 millóns de €, o 3 % máis que no 2016.