Noticias

A Deputación de Pontevedra asina un convenio co concello de Catoira para o impulso da Romaría Viquinga

Mediante o convenio a institución provincial achega 8.000 euros para sufragar gastos derivados da organización desta festa declarada de Interese Turístico Internacional


27 xullo 2017
Firma do convenio sobre a Romería Vikinga

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá xunto ao alcalde de Catoira, Alberto García, e aos deputados provinciais, Santos Héctor Rodríguez e Xosé Leal, un convenio para impulsar a Romaría Viquinga, festa declarada de Interese Turístico Internacional no 2002. O convenio, por valor de 8.000 euros, ten por obxectivo sufragar gastos derivados da organización da festa, que terá lugar o vindeiro 6 de agosto en Catoira, e difundir o papel desempeñado polo concello na historia.

Carmela Silva subliñou que "a Deputación de Pontevedra está a achegar a esta festa 8.000 euros, ao igual que estamos a facer con todas as festas que teñen sido declaradas de Interese Turístico Internacional". No caso concreto da Romaría Viquinga, Silva manifestou que se trata "dunha das festas máis importantes das Rías Baixas, na que participaron o ano pasado máis de 50.000 persoas que poñen de manifesto que Catoira, sendo un concello pequeno, é un concello internacional con capacidade para establecer relacións con países de Europa con tradición viquinga". Os 8.000 euros obxecto do convenio supoñen que a institución provincial financiará máis da metade do orzamento total desta actividade, o 55,6 %.

A Presidenta provincial destacou tamén "o pulo que ten a nosa provincia e os nosos concellos que, con escasos recursos, están a promover ideas innovadoras que nos sitúan como referencia en todo o mundo e, desde logo, esta romaría ten todos os ingredientes para facer que a nosa provincia se consolide polas súas grandes ideas, pola creatividade, pola capacidade para situarse internacionalmente".

A Deputación de Pontevedra tamén está a apoiar a Romaría Viquinga desde o servizo de Cultura. Así, o deputado provincial, Xosé Leal, destacou que "dentro da liña que estamos levando a cabo neste Ano do Patrimonio, entendemos que as festas históricas son unha defensa moi importante do patrimonio vivo dos concellos da provincia e, por este motivo e tras falar co alcalde de Catoira, decidimos enviar unha obra de teatro profesional (A louca historia de Galicia de Fulano, Mengano e Citano) para fomentar e apoiar o certame propio de teatro que se desenvolve no concello".

Pola súa banda, o alcalde de Catoira, Alberto García, agradeceu o apoio prestado pola Deputación de Pontevedra e adiantou parte da programación preparada con motivo da Romaría Viquinga. Así, García destacou que cinco días antes da festa desenvólvense actividades culturais entre as que destaca a mostra de teatro afeccionado, onde máis de 1.000 persoas se dan cita para ver diferentes obras teatrais, ou o premio de teatro do que sae a obra que cada ano representan preto de 200 veciñas e veciños de Catoira. Amais, a festa inclúe tamén unha cea medieval, na que participan máis de 1.000 persoas o sábado anterior ao desembarco viquingo, un espectáculo de fogo e luces denominado "A Noite da Luz", que congrega a preto de 7.000 persoas, e un concerto de rock na praia.

O alcalde aproveitou a ocasión para enxalzar o papel internacional de Catoira. Así, García subliñou que "somos un pobo pequeno con moita identidade o que nos leva a estar presentes no itinerario cultural do Consello de Europa, sendo o único concello de España que está integrado nesta ruta, a segunda en importancia despois do Camiño de Santiago".

A Romaría Viquinga celebrouse por primeira vez hai 57 anos coa intención de rememorar a importancia de Catoira na defensa de Galicia fronte aos ataques dos normandos e sarracenos, que tiveron lugar nos séculos IX e X. A festa, que este ano terá lugar o vindeiro 6 de agosto, desenvólvese no conxunto das Torres do Oeste, declarado Monumento Histórico Artístico.