Noticias

Aprobado o expediente de contratación do programa "Depo en marcha" 2020 da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno autorizou ademais o gasto desta iniciativa para o vindeiro ano, que será de 189.000 euros, 33.000 euros máis ca neste exercicio


30 novembro 2019
Depo en marcha

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, aprobou as bases reguladoras do programa "Depo en marcha" 2020, para o cal se establece unha contía consignada que ascende a 189.067,04 euros, 33.000 euros máis ca no presente exercicio. Trátase dun programa que ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo a través de obradoiros e actividades que actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias, evitando así o illamento e as situacións de soidade das persoas maiores.

O programa ofrece un total de 130 obradoiros, que poderán incrementarse en función do prezo de adxudicación por actividade que resulte do proceso de licitación que se convoque. Estes obradoiros terán unha duración de 30 horas e impartiranse en xornadas de entre unha e tres horas á semana.

Poderán beneficiarse deste programa as entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra. Como o programa se dirixe principalmente ás persoas de maior idade, para realizar os obradoiros, a entidade solicitante deberá acreditar, antes do seu inicio, que o 70 % do alumnado ten 50 ou máis anos no momento da inscrición.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios informáticos a través do formulario normalizado que se atopa dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles e comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

O Goberno provincial tamén aprobou o catálogo de obradoiros, que se dividirán en oito áreas temáticas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede". O número máximo de prazas de cada obradoiro estará determinado pola súa especialidade e poderá variar entre 20 e 25.