Noticias

A Deputación atende a histórica demanda da veciñanza de Meis cun proxecto para solucionar as inundacións do tramo da EP-9402

O treito se anegaba de xeito continuo ao quedar fóra dunha antiga mellora feita polo anterior goberno de Rafael Louzán: "Son herdanzas en infraestruturas que logo temos que solucionar"


11 setembro 2020
Rueda de Prensa Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra dará solución aos frecuentes problemas de inundación dun tramo da EP-9402 Mosteiro-Barrantes no municipio de Meis, cun novo proxecto de mellora da seguridade viaria nesta zona da estrada que foi hoxe aprobado pola Xunta de Goberno. Trátase, como explicou a presidenta da institución provincial, dunha obra que era unha "demanda histórica" das veciñas e veciños de Mosteiro, e que se atenderá a través dun convenio co Concello de Meis por un orzamento de preto de 311.000 euros, dos que a Deputación asume o 70% e o concello o 30% restante.

Carmela Silva explicou que esta zona da estrada, cunha lonxitude de 250 metros, "se anegaba continuamente e era un lago onde quedaban os coches", xa que unha antiga mellora da estrada executada polo anterior Goberno provincial dirixido por Rafael Louzán deixou este tramo sen actuar.  "Son herdanzas en infraestruturas que logo temos que solucionar –criticou–. Así que eu estou realmente moi satisfeita con este convenio, porque o demandaban as veciñas e os veciños desde hai moitos anos".

Máis polo miúdo, con estas obras habilitarase unha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas no núcleo de Mosteiro, e acometerase amais a mellora do firme e a instalación dun paso de peóns sobreelevado. Tamén, como engadiu a presidenta, canalizaranse pluviais e executarase o soterramento das redes de electricidade e alumeado público. Neste senso, Silva indicou que esta obra completa a mellora realizada na praza de España de Mosteiro a través do Plan de Reequilibrio, de xeito que "toda esa contorna vai quedar seguindo os parámetros que defende a Deputación en mobilidade, accesibilidade, seguridade viaria e ampliación do espazo público para as persoas".  

A Xunta de Goberno da Deputación tamén deu luz verde a outro convenio co Concello de Pontevedra por importe de 197.362 euros, dos que a Deputación financia o 73% (144.110 euros) e o Concello o importe restante (53.252 euros). O acordo permitirá o desenvolvemento de actividades de promoción económica, educación e saúde na cidade do Lérez, en concreto a primeira e segunda edición da Feira de Saúde e Benestar PonteSan e a oitava edición de Ponteciencia, así como charlas nos centros educativos sobre saúde e deporte e actividades de promoción da economía local a través dun programa de escaparatismo.

Plan Concellos

Doutra banda, na Xunta de goberno aprobáronse achegas do Plan Concellos por importe de 132.186,22€, que beneficiarán aos concellos de Redondela e Tui. En concreto, Redondela recibirá unha axuda de 62.998,50 euros coa que vai financiar a subministración dun furgón de atestados para a Policía Local, mentres que Tui percibirá 69.187,72 euros para financiar un parque infantil e biosaudable en Areas.