Noticias

A Deputación dá a coñecer o programa SmartPeme nas xornadas técnicas Empresarial Pontevedra 2016

O obxectivo é promover o uso estratéxico das redes sociais e difundir ferramentas que lles permitan ás empresas ser máis produtivas


19 decembro 2016

O técnico do programa SmartPeme da Deputación, José Antonio Piñeiro, participa este mércores na mesa redonda "Universidade, empresa e emprendemento" das xornadas técnicas Empresarial Pontevedra 2016, que comezan mañá martes, ás 16:00 horas, na Casa das Campás, na cidade do Lérez.

Piñeiro explicará como "o uso estratéxico das redes sociais pode supoñer para as empresas pontevedresas máis vendas e máis ingresos", mentres que a selección de ferramentas tecnolóxicas axeitadas permite incrementar os beneficios, tanto a través dunha maior facturación como mediante o aforro de gastos "por conseguirse unha maior eficiencia" nos procesos. Escoller "un bo sistema de planificación de recursos empresariais (ERP), aplicacións para a xestión de tarefas" que permitan aumentar a produtividade ou "unha plataforma de comercio electrónico" para xerar máis oportunidades de negocio son algunhas das opcións tecnolóxicas que presentará o técnico de SmartPeme.

Segundo explicou o venres na presentación das xornadas o deputado de Economía, Carlos López Font, hoxe en día a innovación é a "clave de futuro" para todas e todos, para o sector público e privado. De aí a importancia de xornadas de formación e debate que fagan fincapé "na necesidade de mellorar os procesos empresariais, buscar novas vías de desenvolvemento económico ou favorecer o emprendemento con programas coma DepoEmprende ou SmartPeme que puxo en marcha a Deputación".