Noticias

O proxecto "Smartpeme" preséntase esta semana ante o tecido empresarial de Vigo

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistirán este xoves á xornada de presentación no Antigo Reitorado da UVigo


19 set 2016

Este xoves 22 de setembro, a partir das 10:00 horas da mañá, a Deputación de Pontevedra presenta o proxecto "SmartPeme", substituto do antigo CPAE 2.0, entre o tecido empresarial de Vigo co obxectivo de enfatizar a implantación de novas formulacións en materia de estratexia dixital. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistirán á xornada de presentación que terá lugar no Antigo Reitorado da Universidade de Vigo e que contará coa presenza, como invitado especial, do experto en estratexia dixital Luis Ferrándiz, de KPMG Asesores.

O período de inscricións nesta xornada continúa aberto e todas as persoas que queiran asistir poderán reservar a súa praza enchendo un formulario que poderán atopar a través dun banner no inicio da páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.es, ou seguindo esta ligazón. A xornada presentará este programa da Deputación de orientación TIC a pemes e persoas emprendedoras da provincia, que substituíu ao anterior "CPAE 2.0".

Dende o pasado mes de xuño, tal como sinalou a Presidenta da Deputación Carmela Silva hai uns días en rolda de prensa, en canto aos resultados obtidos durante os tres primeiros meses de vida da iniciativa, "SmartPeme" xa atendeu a máis de 200 pequenas e medianas empresas da provincia de Pontevedra: realizáronse e resolvéronse 301 asesoramentos de 211 empresas e, ademais, realizáronse 58 eventos de capacitación TIC aos cales asistiron 439 persoas.

Tamén daquela lembrara a presidenta do Goberno provincial que nos últimos doce meses, cando no "CPAE 2.0" xa se aplicaron unha serie de cambios que o achegaron ao que é hoxe en día "SmartPeme", realizáronse 2972 asesoramentos para 1559 empresas, ademais de 872 eventos con 3894 asistentes. "Isto supón unha subida do 50% en canto a empresas atendidas, ademais de superar a barreira das 1.500 empresas atendidas, cun 60% máis de asesoramentos resoltos, estando preto dos 3.000", afirmou a Presidenta. As persoas asistentes medraron nun 43% no último ano, esperándose que no mes de setembro chegue aos 4.000.

Lembramos que o proxecto "SmartPeme" é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Todo iso empregando as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…).

Para isto, nas oficinas de "SmartPeme" no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

"SmartPeme" consegue, ademais, que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios, para que sexan eles os que presten o asesoramento e impulsen ás empresas, persoas autónomas e emprendedoras. A institución provincial se converte deste xeito nun vehículo para que os concellos poidan converterse nos protagonistas, ofertando un servizo que responda ás necesidades das veciñas e veciños da provincia que se dediquen ao mundo empresarial ou queiran emprender.