Noticias

A Deputación de Pontevedra asumirá a construción inmediata da zona exterior e paravento das gradas do campo de fútbol da Unión Deportiva Atios do Porriño

O deputado David Regades visitou as instalacións deportivas de Atios e obras que se están a realizar no Porriño ao abeiro do Plan Concellos


31 maio 2017
Visita as instalacións deportivas de Atios

O deputado de Cooperación, David Regades, visitou no Porriño, acompañado pola súa alcaldesa, Eva García, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, algunhas das actuacións que se están a desenvolver na vila no marco do Plan Concellos 2016, entre as que se atopan as melloras das instalacións deportivas do Atios. En concreto, esta actuación, enmarcada na liña 1 do plan, supuxo un investimento de 70.464,90 euros a través dos cales se está a acondicionar un espazo deportivo tan empregado na vila como é o campo de fútbol da Unión Deportiva ata o que asisten 211 deportistas que integran un total de 13 equipos que xogan nas súas instalacións desde a categoría benxamín ata os primeiros equipos.

Tal e como informou Regades, "a través das achegas da Deputación, O Porriño vai asumir, de forma inmediata, a construción da zona exterior e paravento das gradas do campo de fútbol da Unión Deportiva Atios, no Porriño. En definitiva, manter e conservar unhas instalacións que estaban moi deterioradas e, pese a elo, tiñan un elevado uso na vila".

Pola súa banda, a alcaldesa do Porriño, Eva García, lembrou que a Deputación de Pontevedra xa acometera a construción da grada e vestiarios no Atios e adiantou que coas achegas do Plan Concellos 2017, en concreto 159.786,36 euros, o concello poderá cambiar o céspede artificial do recinto. Ao respecto, Regades sinalou que "serán as primeiras obras que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos 2017, algo que será posible grazas á planificación do Goberno local do Porriño, da súa alcaldesa e tenente de alcaldía".

Regades lembrou que o Plan Concellos 2016 destinou ao Porriño 974.964,69 euros o que supuxo un 33,8 % máis que durante o ano 2015, e este ano está a achegar máis dun millón de euros. Tamén subliñou o deputado provincial de Cooperación que "grazas a este plan, ademais das obras de mellora nas instalacións deportivas de Atios, aprobáronse, no marco da liña un, investimentos para a rede de saneamento en Albarín, Pereira e Contrasto, acondicionar un local para o arquivo municipal, renovar instalacións de alumeado exterior e instalar un colector de saneamento en Igrexa (Pontellas).

En termos globais, tal e como recordou David Regades, "a Deputación investiu no concello do Porriño no 2016 máis de 1,5 millóns de euros que serviron para impulsar novos proxectos pero tamén para realizar actividades na vila, impulsar o deporte, o emprego, a igualdade, a cultura, a cohesión social, programas para a xuventude e mellorar a súa mobilidade".