Noticias

As Neves recibirá da Deputación 9.600 euros para redactar o proxecto do parque forestal de San Fins e recuperar 421 hectáreas de monte

O vicepresidente César Mosquera asegura que o plan de axudas provinciais para parques forestais resolto na última Xunta de Goberno é "unha achega sumamente necesaria e oportuna"


23 outubro 2017
Monte de San Fins

A Deputación de Pontevedra aprobou unha subvención de 9.600 euros ao Concello das Neves para redactar o proxecto de creación do parque forestal de San Fins e recuperar 421 hectáreas de monte no municipio. Esta axuda chega ao abeiro do plan provincial de creación de parques forestais, cuxas solicitudes foron resoltas na última Xunta de Goberno despois de aprobar as bases en marzo deste ano.

Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, o proxecto para deseñar o parque forestal de San Fins –que agora tras a vaga de lumes se presenta máis necesario que no momento da súa solicitude– deberá recoller medidas de reforestación de zonas queimadas, medidas relativas á prevención de lumes, e tamén á posta en valor da paisaxe e elementos culturais, patrimoniais e de equipamentos, xunto con propostas de dinamización de usos e aproveitamentos económicos.

O nacionalista, impulsor da liña de axudas da Deputación, insistiu en que a institución provincial non ten competencias para intervir no monte galego, polo que destacou que o plan "é sumamente necesario e oportuno" e supón un esforzo para "axudar a corrixir" a situación de "desleixo xeral do monte galego" que se puxo de manifesto cos últimos incendios.

Segundo insistiu o vicepresidente Mosquera, todos os proxectos para os novos parques forestais, segundo obrigan as bases da convocatoria provincial, deberán ter un apartado ou plan específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais, coa eliminación de especies invasoras, a plantación de frondosas autóctonas creando devasas e cortalumes, a creación dunha rede de puntos de auga, así como a diminución de combustible mediante a corta vertical e horizontal de masas. Este apartado de prevención de incendios ten se cabe máis importancia no parque de San Fins de cara á defensa das reforestacións futuras logo de que o monte estea a día de hoxe queimado na súa práctica totalidade.

A aportación económica da Deputación para a redacción do proxecto para San Fins no Concello das Neves supón unha achega do 80 % do orzamento total do traballo, o que supón a maior contía prevista nas bases da convocatoria.

Xestión sostible do monte

No estudo presentado na primavera deste ano para argumentar a solicitude da subvención provincial, o Concello das Neves xa indicaba que "a raíz do incendio sufrido nos municipios das Neves e Arbo considérase necesario a creación dun parque forestal para a posta en valor do monte". Así, prevese o deseño dun parque dunha superficie de 804 hectáreas (das que 421 son nas Neves).

Entre os obxectivos do parque destacábase a necesidade de reforestación de zonas queimadas con especies frondosas caducifolias para incrementar a biodiversidade, e que actuasen como devasas naturais con novas plantacións para restaurar o bosque autóctono. "Debido aos anteriores lumes forestais non se aprecia máis que monte baixo", sendo as especies que máis abundaban os piñeiros e eucaliptos xunto ao monte raso", explicábase.

Tamén se propoñen prácticas de silvicultura preventiva para o mantemento dos montes, creación de franxas de defensas contra incendios e rareos de masas arboradas, e, entre outras, dunha franxa cortalume desde Cerdeira ata Ribarteme con plantacións de especies de frondosas como medida para frear futuros lumes.

O proxecto deberá incluír tamén tratamentos antierosión para a recuperación do solo, protexéndoo do impacto das precipitacións, aumentando a filtración e dificultando o fluxo de aliviadoiros; a conservación e melloras de canles fluviais e da ribeira do río Termes; a potenciación do uso social do monte coa creación dunha rede de áreas de lecer adaptadas e dun parque multiaventura con distintas actividades (percorridos entre árbores, tirolinas, plataformas, pontes colgantes, e elementos de ocio ao aire libre); a creación de sendas peonís e ciclistas que comuniquen as áreas de lecer coas parroquias formando circuítos singulares de diferentes dificultades; a recuperación, mellora e mantemento de camiños forestais que sirvan como medida preventiva de incendios e melloren o acceso ao monte; o estudio e prevención da contaminación dos acuíferos debido ao arrastre de sedimentos despois dos incendios; e a compatibilidade de gando con masas arbóreas e a valorización doutros produtos e servizos económicos de natureza sustentable derivados do monte, como a utilización de árbores micorrizados para a obtención de cogomelos.