Noticias

A Deputación achega 40.000 euros a ASEFOGA para a realización dun programa formativo para impulsar a produción de mel ecolóxico

Con esta iniciativa preténdese promover o nacemento de empresas apícolas ecolóxicas, crear emprego e mellorar a capacitación técnica das persoas apicultoras


06 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra achegará 40.000 € á Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEFOGA, para a realización dun programa formativo sobre a xestión e boas prácticas nos apiarios para o impulso da produción de mel ecolóxico. Con esta iniciativa ambas entidades pretenden promover o nacemento de empresas apícolas ecolóxicas, crear emprego e mellorar a capacitación técnica das persoas apicultoras que producen e transforman mel ecolóxico na provincia de Pontevedra.

O acordo de colaboración contempla a realización de cursos de formación online, asesoramento, vídeos e actividades de divulgación e difusión do programa ao longo deste último trimestre de 2021. Así, realizaranse ata cinco cursos online de 50 horas cada un a través dunha plataforma de formación onde un total de 20 alumnas e alumnos por curso adquirirán os coñecementos precisos para a produción de mel ecolóxico e o aproveitamento dos subprodutos derivados do mesmo. Amais da formación online, haberá asesoramentos individualizados a través de dous puntos informativos físicos, nas oficinas comarcais de Lalín e Cambados, no que as persoas interesadas van recibir orientación técnica e respostas ás consultas relativas á apicultura ecolóxica. Tamén se realizarán cinco vídeos nos que se explicarán e ilustrarán técnicas de manexo das colmeas, elaboración e produción de mel ecolóxico e derivados, e actividades de divulgación e difusión do programa a través de medios de comunicación online e impresos.

Na provincia de Pontevedra existen unhas condicións naturais idóneas para producir mel ecolóxico e para o desenvolvemento de asentamos apícolas. Este feito, unido á necesidade de xerar oportunidades para a cidadanía do rural, á diminución das abellas melíferas na provincia e ao auxe e aceptación dos produtos ecolóxicos, converte a estas accións formativas impulsadas pola Deputación e ASEFOGA en estratéxicas xa que o sector apícola ten unha grande importancia dentro da estrutura económica, impulsando o equilibrio territorial e a xestión do territorio.

A Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEFOGA, é unha entidade sen ánimo de lucro formada por máis de 9.000 pequenas/os propietarias/os forestais que traballa para impulsar o desenvolvemento do sector forestal, colaborando na consecución dunha cultura forestal en Galicia acorde coa importancia estratéxica do monte e do sector forestal na comunidade. A súa misión é converterse na organización de apoio á xestión forestal para todas as persoas agricultoras, gandeiras e xente do rural e para elo impulsa programas de formación e asesoramento, como os que vai lanzar xunto á Deputación de Pontevedra, para o aproveitamento e xestión responsable dos recursos forestais.