Noticias

A Deputación e ASEFOGA organizan este venres unha xornada divulgativa sobre a velutina en Nigrán

A actividade forma parte do convenio firmado entre a institución provincial e a Asociación Forestal Galega o pasado mes de abril


20 decembro 2018
Avispa asiática

A Deputación de Pontevedra e ASEFOGA (Asociación Forestal Galega) organizan este venres 21 de decembro unha charla divulgativa sobre a avespa velutina en Nigrán. A xornada terá lugar no Salón de Plenos do Concello ás 11:30 horas, á que asistirá o alcalde e deputado provincial de Medio Ambiente Juan González. Os relatores encargados de resolver dúbidas sobre esta praga e como loitar contra ela serán Jacobo Feijóo Lamas, secretario xeral de ASEFOGA, e o apicultor experto en loita contra a velutina Fernando Cores.

Esta xornada forma parte do convenio que o pasado mes de abril firmaron a Deputación de Pontevedra e a Asociación Forestal Galega para informar ao longo da provincia desta especie invasora, que se atopa en Galicia desde 2011. Durante á mesma farase un repaso á chegada da velutina a Galicia, as súas principais características e como loitar contra a mesma: colocación de trampas, fabricación de trampas caseiras e cando e onde colocalas. A institución provincial colabora coa asociación para promover a sensibilización da opinión pública fronte á problemática desta especie exótica invasora, reducir o impacto ambiental da avespa velutina na provincia, reducir o uso descontrolado de trampas non selectivas para esta avespa e mellorar o coñecemento da especie.