Noticias

A Deputación de Pontevedra e ASEFOGA poñen en marcha en Cambados unha xornada técnica sobre o cultivo sostible de froitos do bosque

O evento terá lugar este venres no Centro Exposalnés e está dirixida a empresas do sector agroforestal e á poboación rural


21 novembro 2019
Froitos do bosque

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), poñerá en marcha o vindeiro venres 22 de novembro a xornada técnica denominada Cultivo Sostible de Froitos do Bosque. O evento, que terá lugar entre as 11.00 e as 13.30 horas no Centro Exposalnés (paseo da Calzada, 1), no Concello de Cambados, está dirixido a emprendedoras e emprendedores do sector agroforestal, así como tamén á poboación en xeral.

Os obxectivos fundamentais deste convenio de colaboración, ó que a Deputación destina 36.000 euros, son promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, os arandos ou as framboesas, e informar sobre os aspectos do cultivo dos froitos do bosque e a súa importancia ambiental na recuperación de terras abandonadas.

Este proxecto beneficiará á poboación que reside no medio rural, posto que o fomento das actividades agrarias é un importante método preventivo de incendios, mellora a calidade da paisaxe e a riqueza de especies animais e vexetais. Para a institución provincial, o apoio á xestión forestal debe ser un dos alicerces da transición ecolóxica. Ademais, os produtos que se poñen en valor son moi prezados polas persoas consumidoras, piden pouco terreo para a súa produción e teñen un custo inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.

Así, ó abeiro desta iniciativa puxérase en marcha un programa de divulgación itinerante con postos informativos durante o mes de agosto deste mesmo ano. Ademais da realización de exposicións itinerantes en feiras da provincia e de xornadas técnicas, este convenio de colaboración inclúe asesoramento presencial e a distancia sobre o cultivo de froitos do bosque.