Noticias

A historia de Catoira contada na voz das mulleres é o proxecto gañador do obradoiro "A historia do teu concello" do programa "Tecendo lazos" 2019

Nenas, nenos e os seus familiares máis maiores fixeron unha recompilación de historias de transmisión oral na que se explica a historia de Catoira a través da voz dunha muller


09 febreiro 2019
Tecendo Lazos

"Historias de mulleres de Catoira" é o proxecto gañador de "A historia do teu concello", o módulo do programa "Tecendo lazos" 2019 que premia os traballos presentados a este obradoiro que busca dun xeito diferente e orixinal achegarse ás tradicións e ás historias de cada municipio. Este ano presentáronse a esta iniciativa un total de 19 proxectos, de cadanseu municipio. O ano pasado resultou gañador o proxecto presentado polas persoas participantes do obradoiro na Lama con "Os muíños da Lama".

Preto de 25 persoas, de entre 12 e 86 anos, conformaban este ano o grupo de persoas que participou en "Tecendo lazos" en Catoira. Todas e todos xuntos elaboraron "Historias de mulleres de Catoira", un proxecto que consiste nunha recompilación de historias de transmisión oral, na que se explican as orixes, as tradicións e a historia do municipio a través da voz, en primeira persoa, dunha muller. O galardón que se concede consiste nun lote de produtos de Smart Peme e varias publicacións do traballo.

O xurado valorou a orixinalidade de "Historia de mulleres de Catoira" e mailo feito de darlle visibilidade á voz das mulleres no eido local, que se converten nas protagonistas desta historia. Valorouse ademais a singularidade da información contida, a súa correcta estruturación, o grande interese dos seus contidos e o traballo de recompilación da transmisión oral.

Este proxecto conformouse a partir do módulo "A historia do teu concello", unha iniciativa que se desenvolve en todos os obradoiros de "Tecendo lazos" co obxecto de achegarse dunha maneira máis amena e divertida á historia de cadanseu municipio. Nesta ocasión tomaron parte un total de 19: A Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, Fornelos de Montes, Moraña, O Grove, O Porriño, Oia, Pazos de Borbén, Silleda, Tomiño e Vila de Cruces.

"Tecendo lazos" é un programa, impulsado pola Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo o envellecemento activo das persoas maiores e o fomento de encontros interxeracionais entre as persoas máis maiores e as máis novas. Desenvólvense diferentes obradoiros de lecer e de tempo libre, enfocados á participación das distintas xeracións familiares. As actividades teñen lugar nos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.