Noticias

Aberto o prazo de inscrición para a "Depo andaina" de Salvaterra polo parque da Canuda e o paseo fluvial á Illa de Fillaboa

As persoas interesadas en participar nesta cuarta ruta programada pola Deputación de Pontevedra poderán anotarse ata o día 28 de agosto


20 agosto 2019
DepoAndainas 2019

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova "Depo andaina", que será o día 1 de setembro polo concello de Salvaterra de Miño. Trátase da cuarta ruta das sete programadas nesta nova edición das "Depo andainas" que a institución provincial desenvolve para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo.

O itinerario percorrerá o Parque da Canuda e o paseo fluvial á Illa de Fillaboa, no Baixo Tea. É unha ruta só de mañá, na que as persoas inscritas poderán trasladarse a Salvaterra en autobús (desde a praza de Galicia en Pontevedra e a praza en España de Vigo), e terán un tempo de descanso despois da ruta para que poidan afondar nos recursos turísticos da zona. Coma no resto das "Depo andainas", a Deputación oferta 300 prazas dirixidas a persoas de toda a provincia, independentemente da súa idade. Ademais, o Concello de Salvaterra poderá ofertar outras 50 prazas adicionais. As persoas interesadas en participar neste percorrido deberán cubrir o formulario de inscrición no apartado das "Depo andainas" da páxina web www.depo.gal ata o vindeiro 28 de agosto.

A programación continuará despois desta ruta coa quinta andaina, que será o 22 de setembro polo Bosque Encantado en Cangas e polas Illas Cíes en Vigo (o prazo de inscrición ábrese o 2 de setembro) e xa en outubro terán lugar as dúas últimas rutas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (as persoas interesadas poderán apuntarse desde o 23 de setembro) e o día 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).