Noticias

Este ano, e só coa financiación do Plan Concellos, A Cañiza ten preto doutro millón de euros, un 75 % máis que no 2017

Este ano, e só coa financiación do Plan Concellos, a Cañiza ten preto doutro millón de euros, un 75% máis que no 2017


16 abril 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, presentou hoxe no concello da Paradanta os investimentos que a institución provincial está a realizar na vila, que nos dous últimos anos eleváronse a case 3 millóns de euros. Silva puxo en valor os proxectos que este ano 2018 a Deputación financiará na Cañiza, entre os que destacan o proxecto de urbanización do parque central do concello, enmarcado no Plan de Reequilibrio, e aquelas outras actuacións que serán costeadas ao abeiro do Plan Concellos 2018.

Respecto ao futuro Parque Central, coa urbanización e desenvolvemento da zona verde adxacente ao parque público Dr. Heriberto Fuentes, a Deputación financiará de forma íntegra os 383.217,15 euros do orzamento, xa que o 20 % que correspondería poñer ao municipio, 76.643,43 euros, serán investidos cunha partida do Plan Concellos 2018.

Trátase dun proxecto que sigue perfectamente o modelo que a Deputación está  propor en todo o territorio, onde as persoas son as que importan e no que os espazos públicos volven a ter o protagonismo que durante anos se lles negou debido ás políticas urbanísticas sen control nas que pouco ou nada importaba o benestar dos veciños e das veciñas.

O proxecto reserva espazos interconectados para todas as persoas, que van a permitir que convivan distintas xeracións, xogando arquitectonicamente con elementos circulares que axudan a definir cada zona como a de xogos infantís, a de xogos xuvenís, a zona deportiva ou as zonas de paseo e xardíns. Todo elo estará organizado cunha sensibilidade arquitectónica en canto a mobiliario e arborado , camiños brandos, elementos en pedra e elementos patrimoniais, que chegan aos case 4.500 m2 de actuación. Con este proxecto non só se mellorará e humanizará o parque, senón que aproveitarase tamén para dispor de novas prazas de aparcamento na zona centro do concello, o que vai facilitar que se poidan desenvolver outras accións similares.

En canto ao Plan Concellos 2018, polo que A Cañiza ten a súa disposición 928.630 euros, un 75 % máis que o que lle correspondeu no ano pasado 2017, un dos proxectos máis destacados é o acondicionamento da rúa Silleda. Trátase da entrada principal do municipio que, ademais, será obxecto dunha actuación de Mobilidade mediante un convenio que asinarase en breve, para a reparación de toda a estrada e a construción de beirarrúas, saneamento e abastecemento, cun importe total de máis de 166.000 euros. Outras actuacións financiadas pola Deputación serán a pavimentación de camiños nas Achas, O Couto, A Franqueira, Luneda, Parada e Valeixe, cun orzamento de 180.873,22 €; o saneamento do Foxo, coa instalación dun colector de saneamento e unha estación depuradora, 119.613 €; a humanización da praza de Valeixe, 71.069,37 €; a ampliación e mellora do ximnasio municipal, 60.499.99 €; ou a compra dun vehículo compactador de RSU, 140.646,58 €.

Ademais, ao través da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2018, a Deputación inviste este ano un total de 122.361,75 euros, cartos cos que o Concello financiará a contratación dun total de 18 traballadores ou traballadoras para os postos de 1 mozo/a para recollida do lixo; 1 albanel, 2 peóns de construción, 1 electricista-persoal de mantemento; 3 peóns de horticultura-xardinería; 2 peóns limpadores/as; 1 tractorista, 4 operarios de bacheo-teitadores de asfalto; e 3 varredores. Desde que o Goberno de Carmela Silva tomou posesión, ata 54 veciñas e veciños da Cañiza contaron o están a contar cun emprego financiado pola Deputación de Pontevedra. Ademais, entre os anos 2015 e 2017 traballaron a través do Plan de práctica laboral 3 persoas diplomadas, e neste ano 2018 o alcalde nos ten solicitado unha diplomatura en traballo social e unha licenciatura en administración e dirección de empresas.