Noticias

A Cañiza completa os investimentos da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos 2017

Coa última achega, de máis de 20.000 €, o goberno de Carmela Silva xa destinou á vila os 530.907,96 € que lle corresponden do Plan Concellos


13 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, por resolución presidencial, a última achega que lle corresponde á Cañiza ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, grazas a este último investimento, de 20.500 €, poderanse construír aseos adaptados na piscina de As Grades e o cerramento de naves no Couto e Randufe.

Con esta última achega, o concello da Cañiza xa chegou aos 530.907,96 € destinados pola Deputación de Pontevedra. Anteriormente xa recibira, na liña 1 de investimentos, 85.091,68 € para a reforma e ampliación da cuberta do parque móbil e o taller do concello, 97.814,45 € para o aumento da capacidade do cemiterio municipal, 68.410,87 € para a mellora da sinalización vertical do concello e 60.000 € para a elaboración do inventario de bens municipais.  Ademais, recibiu 79.636,19 € para facer fronte a gastos correntes na liña 2 e, por último, 119.454,29 € para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

O Plan Concellos 2017  ten asignado para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada no ano anterior.