Noticias

A Cañiza recibirá máis de medio millón de euros do Plan Concellos para o 2017, un 12% máis de recursos, 9 puntos máis que a media da provincia

O Plan da Deputación para 2017 achega un 3% máis de cartos ós concellos da provincia, sendo A Cañiza, cunha subida de 55.900 euros,un dos máis beneficiados


08 dic 2016
A Cañiza

A Deputación de Pontevedra achegará o vindeiro ano un 12% máis de recursos ó concello da Cañiza, no marco do "Plan Concellos 2017", un incremento que ven dado polas novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar ós concellos máis pequenos da provincia. Así, A Cañiza recibirá un total de 530.908 € do "Plan Concellos 2017", 55.900 € máis que este ano, o que supón un 12% máis de recursos que no ano 2016, ano no que xa tivo un 20% de incremento respecto a 2015. Amais do Plan Concellos, A Cañiza recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o concello poderá concorrer.

Inversións totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou á Cañiza un total de 1.227.205 €, dos cales 475.000 € correspondéronse co "Plan Concellos 2016". Amais, a institución provincial investiu 545.808 € en mobilidade, 58.495 € en cohesión social e xuventude, 47.026 € en cultura e lingua, 27.669 € para o fomento do emprego, 19.000 €para o impulso do deporte, 3.000 € para medio ambiente e 2.240 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos, investíronse 278.164 € para adecuar un local no que prestar os servizos sociais pero tamén para mellorar parques infantís, adquirir unha escavadora, dotar de beirarrúas ó polígono industrial, mellorar o alumeado público en Valeixe e Petán e ampliar e pavimentar a Rúa Calzada. Amais, a través da liña 2 do mesmo plan se amortizou gasto corrente por valor de 71.249 €, da liña 3 se achegaron 17.812 € para actividades e a celebración da Festa do Xamón e da liña 4 se crearon 18 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 107.000 €.

Á marxe do "Plan Concellos 2016",A Cañiza recibiu47.026 € para o fomento da cultura e lingua na vila, con máis de 8 actuacións do Pontegal e axudas para a dinamización lingüística e a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 58.495€ para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia ou da teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 9 persoas), ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "DepoRúarte", "Depo en marcha" e"Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 11 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, A Cañiza recibiu19.053 € para o deporte federado de base e para as 3 escolas deportivas de balonmán que se desenvolven no concello, así como 27.669 € destinados ó fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que tres persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no concello da Cañiza. Tamén se achegaron 2.239 € para ó fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ben a través do programa "Conectadas", ben a través da liña de axudas para o impulso da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

A Deputación de Pontevedra investiu, amais, 3.000 € no mantemento do campo de fútbol de Vieiro e 545.808 € en materia de mobilidade, en concreto para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais, para o Plan Móvese e para a Ponte do Río Deva e a rotonda de enlace E.P. 5002- E.P. 5102 Ponte das Achas, que foi inaugurada hai unha semana.