Noticias

A Deputación de Pontevedra destina a Meaño preto de 15.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva leva entregado o 76 % do total destinado a Meaño dentro do plan, cun investimento próximo aos 375.000 euros


28 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Meaño dentro do Plan Concellos 2017, concretamente ao abeiro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 14.935,58 euros que permitirán que Meaño poida reparar e mellorar parques infantís que precisan renovar os elementos de xogo e do propio parque, o pavimento ou os peches.

Ademais, anteriormente Meaño xa recibira a cantidade de 247.605,52 euros, en liña 1, para a adquisición dun vehículo mini pa cargadora con cullerón varredora, a ampliación doutros camiños municipais, as obras de mellora, para a pavimentación de diversos camiños municipais, para a adquisición de terreos para a realización dunha praza pública e un aparcadoiro en Dena e para levar a cabo obras co fin de reformar os pontóns sobre as vías municipais de Gañón e Rial. Por último, outro investimento de 110.449,92 euros para a contratación de 18 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Meaño xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 76 % do total de investimento que recibe dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 373.041,44 euros dun total de máis de 491.000 euros.