Noticias

A Deputación achega a Meaño o 100 % do Plan Concellos 2017

A institución provincial completou o preto de medio millón de euros que lle corresponden a Meaño no Plan Concellos 2017, un 6 % máis que o ano pasado


10 novembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou por Resolución presidencial a última achega que lle corresponde a Meaño no marco do Plan Concellos 2017. Nesta ocasión, dentro da súa liña 1 de Investimentos, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 52.777,42 euros para repoñer a fonte de San Xoán, a fonte de Souto-Lores e o lavadoiro de Picón.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Meaño outros 327.833,49 euros na liña 1 para a mellora e pavimentación nos camiños municipais de Outeiro, Picón e Canle; para a adquisición dunha mini pala cargadora; para a ampliación dos camiños municipais en Paradela, Eiras e Cortiña; para a adquisición de terreos para unha praza pública e aparcamento en Dena; para a construción de beirarrúas en Picón (Xil) e na rúa dos colexios (Dena); para a reparación de beirarrúas en Coirón e Altamira (Dena); para a reparación de parques infantís en Meaño así como para a actuación en vías municipais en Ganón, Cachada e Rial. Á marxe da liña 1, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar a Meaño outros 114.814,88 euros, na liña 3, para a contratación de 18 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova axuda, Meaño xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o total dos investimentos que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 491.110,83 euros. Esta suma supón un 5,94 % máis que en 2016.