Noticias

Vilanova de Arousa recibirá en 2017 740.000 euros do Plan Concellos, un 13,5% máis de recursos que este ano, 11 puntos máis que a media provincial

O Plan da Deputación para 2017 achega unha media dun 3% máis de cartos ós concellos da provincia, sendo Vilanova, cunha subida de case 90.000 euros, un dos máis favorecidos


15 decembro 2016
Plan Concellos 2016

A Deputación de Pontevedra achegará o vindeiro ano un 13,5% máis de recursos ó concello de Vilanova de Arousa, no marco do "Plan Concellos 2017", un incremento que ven dado polas novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar ós concellos máis pequenos da provincia. Así, Vilanova recibirá un total de 739.110 € do "Plan Concellos 2017", 87.926 € máis que este ano 2016, no que, ademais, xa tivo outro 13,5% de incremento respecto a 2015. Amais do Plan Concellos, o municipio do Salnés recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Vilanova un total de 1.861.319,14 €, dos cales 581.000 € correspondéronse co "Plan Concellos 2016". O goberno de Carmela Silva tamén asinou o convenio polo que a institución provincial adicará 745.000 euros para a execución da reforma da Casa da Cultura para Auditorio e Multiusos, e facilitou ao concello un préstamo sen xuros de 200.000 euros da Caixa de Anticipos para que fixera fronte a facturas pendentes. Ademais, a Deputación destinou 36.744 € a mobilidade, 110.900 € a cohesión social e xuventude, 28.350 € a cultura e lingua, 48.914€ para o fomento do emprego, 20.208 € para o impulso do deporte, 15.500 € para medio ambiente e 3.557 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do "Plan Concellos", investíronse 341.381,77 € para o subministro de xogos para a zona verde de San Miguel de Deiro e de casiñas de madeira infantís no xardín Umbrío, para a reforma do seu alumeado público, o arranxo do paseo marítimo da praia do Terrón, o acondicionamento de varios camiños, a rehabilitación dos seus espazos de uso infantil, o reforzo electrónico da rede wi-fi da vila, a reparación dos pavimentos do casco urbano, a mellora das instalacións e ampliación do ximnasio e o edificio multiusos así como o subministro de equipamentos de son e a protección da pista de madeira deste espazo, tamén para o subministro dun punto de acceso wi-fi no casco urbano e, por último, destinos á mellora da capa de rodaxe e recollida de pluviais. Ademais, a través da liña 2 do mesmo plan se amortizou gasto corrente por valor de 87.161 €, na liña 3 se achegaron 21.790 € para diversas actividades como a Festa do Mexilón e do Berberecho, entre outras, e grazas á liña 4 se crearon 22 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de preto de 131.000 €.

Á marxe do "Plan Concellos 2016", Vilanova recibiu 28.350 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 70 actuacións do Pontegal e axudas para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 110.900 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia ou da teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 7 persoas), ou ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "DepoRÚArte", "Depo en marcha", "DepoTermal" e "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 29 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Vilanova recibiu 20.208 € para o deporte federado de base, a copa de fútbol Deputación de Pontevedra, diversas actividades deportivas e para as dúas "DEPOrte Escolas" de fútbol e patinaxe que se desenvolven no concello, así como 49.000 € destinados ao fomento do emprego a través dos Plans de Práctica Laboral, que están a permitir que catro persoas poidan desenvolver a súa primeira experiencia laboral no concello de Vilanova e, unha máis, no tecido empresarial da vila. Tamén se achegaron 3.557 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas 2016".

A Deputación de Pontevedra investiu, do mesmo xeito, preto de 15.500 € nas axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores, 36.744 € en materia de mobilidade, en concreto para o "Plan Móvese", e outros 8.823 € en turismo para a contratación dunha persoa bolseira na oficina de turismo da localidade.


Novas relacionadas

Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

13 ago 2016, plan concellos 2016, plan ayuntamientos 2016
Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

22 xuñ 2016, bueu, orzamentos, plan concellos 2016, 2016, plan concellos, plan, orzamento, pavimentación