Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina preto de 200.000 euros para ampliar e mellorar a accesibilidade na alameda de Goián

Con estas achegas a Deputación de Pontevedra aprobou xa o 87,3 % do orzamento que lle corresponde a Tomiño ao abeiro do Plan Concellos 2017


23 xuño 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 200.000 euros para o Concello de Tomiño. En concreto, con esta achega, o Goberno local poderá ampliar e mellorar a accesibilidade na alameda de Goián.

Este novo investimento na vila súmase aos xa aprobados ata o momento e que supoñen o 87,3 % do orzamento que lle corresponde a Tomiño ao abeiro do Plan Concellos 2017. Así, Tomiño recibiu xa 1.044.211,79 euros a través dos cales vai poder poñer en marcha actuacións como a ampliación da accesibilidade na alameda de Goián e outras moitas como a mellora no terreo de xogo do campo de fútbol de Carballa; o acondicionamento da estrada Cristelos cruce de San Miguel e a conexión co cemiterio de Barrantes; a reforma do patio da escola do Seixo; a senda peonil no Camiño Novo e o saneamento dos núcleos de Vilachán e Sanomedio. Ademais, e tamén ao abeiro do Plan Concellos 2017, Tomiño está a contratar a 25 persoas este ano para poder garantir a prestación dos servizos municipais.

O Goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Tomiño, leva xa distribuídos máis de 28,5 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 70 % do Plan Concellos. Máis polo miúdo, 16,6 millóns de euros correspóndense coa liña 1, de Investimentos, 3,6 millóns de euros coa liña 2, Gastos, e 8,5 millóns de euros coa liña 3, Emprego.