Noticias

A mostra da Deputación de Pontevedra "Sorrisos transformadores" chega este venres ao auditorio de Meis

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, inaugurará a mostra ás 12 horas xunto ao alcalde, Jose Luis Pérez Estévez


18 maio 2017
Sorrisos transformadores

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, será a encargada de inaugurar, este venres 19 de maio ás 12 horas xunto ao alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, a mostra "Sorrisos Transformadores" un proxecto fotográfico para visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS, e que se poderá visitar no auditorio da vila ata o vindeiro 1 de xuño, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.

Tras a inauguración, a presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla na que afondará sobre esta cuestión dirixida ao alumnado e profesorado de todos os cursos da ESO do CPI de Mosteiro.

"Sorrisos Transformadores" é unha exposición itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a persoa protagonista da imaxe ou sobre a súa contorna. Entre as e aos retratados inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.


Novas relacionadas

sorrisos

09 xaneiro 2018, cohesión social, o rosal, sorrisos transformadores, deputación de pontevedra
Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

19 xul 2016, exposición, salceda de caselas, exodus, fotografía