Noticias

As "Historias cavadas" comezan a contarse a vindeira semana no castro de Toiriz en Silleda

As primeiras visitas serán o 13 e o 15 de setembro no xacemento de Deza e o programa continuará a súa andaina no vilagarcián castro Alobre e na Subidá, en Marín


06 setembro 2021
Historias Cavadas

Tras o seu aprazamento polo risco de chuvia, a estrea do programa da Deputación "Historias cavadas" terá lugar os próximos luns 13 e mércores 15 de setembro con dúas visitas escenificadas ao musealizado castro de Toiriz, en Silleda. As "Historias cavadas" continuarán en castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) o 16 e 30 de setembro, e na Subidá (Marín) os días 17 e 24.

Este novo programa da Deputación de Pontevedra, que xa ten esgotadas as súas prazas nas tres localizacións da provincia, conxuga cultura, diversión e patrimonio e busca poñer en valor os castros musealizados da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de todos os públicos.

As sesións serán realizadas polo grupo Troula Animación, con máis de 20 anos ás súas costas na produción de espectáculos de rúa, e estarán protagonizadas por dous personaxes -un romano e unha castrexa- que lle darán un toque cómico a estes percorridos pola historia, co obxectivo de converter as visitas nunha experiencia cultural e divertida para todos os públicos. A duración estimada de cada pase é de 50 minutos e todos eles serán accesibles e inclusivos, ao contar cunha persoa intérprete de lingua de signos.