Noticias

Chega "Historias Cavadas", un novo programa de visitas escenificadas aos castros musealizados pola Deputación na provincia

As sesións estarán protagonizadas por un romano e unha castrexa e desenvolveranse en clave de humor. Arrancan o 2 de setembro en Toiriz e chegarán tamén aos castros de Alobre (Vilagarcía) e A Subidá (Marín)


19 agosto 2021

Cultura, diversión e patrimonio conxúganse nas "Historias Cavadas", o novo programa de visitas escenificadas co que a Deputación de Pontevedra vai poñer en valor os castros musealizados da provincia da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de tódolos públicos. Deste xeito, a institución provincial levará a cabo o vindeiro mes de setembro estas rutas polos xacementos de Toiriz (Silleda), A Subidá (Marín) e Castro Alobre (Vilagarcía), que vén de musealizar xunto ao Ministerio de Fomento e os citados concellos.

As sesións aos distintos castros serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente protagonizadas por dous personaxes, un romano e unha castrexa, que lle darán unha "onda cómica" a estes percorridos pola historia co obxectivo de convertelos nunha experiencia non só cultural, senón divertida para todas as idades. A duración estimada é de 50 minutos.

Complétase con esta iniciativa sociocultural o compromiso da Deputación coa recuperación e posta ao dispor da sociedade destes espazos. Unha aposta pola divulgación e actualización do legado patrimonial da provincia e o fomento de experiencias culturais seguras e singulares.  Haberá 25 prazas para cada unha das visitas, que as persoas interesadas deberán reservar no enderezo historiascavadas2021@gmail.com. No correo deberá indicarse o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas solicitantes (4 prazas máximo por reserva) e un teléfono de contacto.

As visitas arrancarán o 2 de setembro en Toiriz, onde tamén se celebrará outra ruta o día 3, ambas as dúas ás 20 horas. Posteriormente, as "Historias Cavadas" chegarán ao vilagarcián Castro Alobre (días 16 e 30 de setembro ás 20 horas) e finalizarán no castro marinense da Subidá, con citas o 17 e 24 de setembro ás 19 horas. Serán actividades accesibles e inclusivas, que contarán así mesmo con intérprete de lingua de signos en caso de ser necesario.

O obxectivo coas actividades nestes enclaves patrimoniais, é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara o futuro.

A compañía Troula, encargada de realizar as visitas escenificadas, está especializada en teatro e animación, con ampla traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculos de rúa. Moi presentes cos seus proxectos en Galicia e boa parte da xeografía nacional, así como estranxeira (Francia, Portugal, Inglaterra, Escocia e Irlanda), Troula é a compañía organizadora do festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra, Itineranta, e produtora de coñecidos proxectos como  "Uxía Lambona e a Banda Molona", "Errantes", "Pachamama" ou "O estraño caso do dentista da rúa Brasov". Actualmente, tamén se encargan das visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior, outra das apostas socioculturais da Deputación para poñer en valor o patrimonio provincial.