Noticias

A Escola de Igualdade María Vinyals acolle este xoves en Soutomaior ás maiores expertas e expertos en violencia machista de todo o Estado

Miguel Lorente, Nuria Varela, Teresa Peramato, Luz Martínez, Pilar Aguilar e M.ª Paz Filgueira participarán na xornada Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero


14 xuño 2017
María Vinyals

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurará este xoves ás 9:30 horas, a xornada Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero na que expertas e expertos en violencia machista da talla de Miguel Lorente, Nuria Varela, Teresa Peramato, Luz Martínez, Pilar Aguilar e M.ª Paz Filgueira debaterán sobre violencia de xénero, misoxinia, repostas xurídicas, educación en igualdade, cine e amor romántico e lexislación relativa á muller e aos menores.

Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero, promovida pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, afronta un dos temas máis dolorosos e difíciles da desigualdade: a violencia contra as mulleres. Para elo, a institución provincial preparou unha completa xornada composta de conferencias e obradoiros interactivos dirixidos a persoal técnico da Administración local, profesionais que traballan na loita contra a violencia machista e persoas interesadas nesta problemática.

A primeira conferencia da xornada terá lugar ás 10:00 horas, a cargo de Miguel Lorente. Lorente, ex delegado do Goberno para a Violencia de Xénero, profesor titular de Medicina Legal, director da Unidade de Igualdade da Universidade de Granada, e un dos principais referentes nesta materia, quen falará sobre o que agocha a violencia de xénero.

Ás 12:00 horas, a xornalista e escritora Nuria Varela, cun máster en Estudos Interdisciplinares de Xénero e en Xénero e Políticas de Igualdade entre Mulleres e Homes, ofrecerá unha conferencia centrada na nova misoxinia.

O último dos relatorios da mañá, a cargo de Teresa Peramato, fiscala adscrita á Fiscalía de Sala de Violencia sobre a Muller na Fiscalía Xeral do Estado, falará sobre a resposta xurídica á violencia de xénero e a súa evolución e os antigos e novos retos ao respecto.

Xa pola tarde, terán lugar tres obradoiros simultáneos entre as 16:00 e as 19:00 horas nos que se falará de educación en igualdade, amor romántico e cine e lexislación sobre protección integral e a súa aplicación polos tribunais españois. Trátanse de obradoiros que seguen unha metodoloxía máis interactiva, permitindo o diálogo e a reflexión, co obxectivo de converterse en espazos de encontro e intercambio de experiencias.

O obradoiro de Luz Martínez Ten, secretaria de muller e políticas sociais da FESP-UXT, experta en educación en igualdade, centrarase no papel da educación en igualdade para previr a violencia de xénero. Máis polo miúdo, abordaranse cuestións como o papel das relacións afectivas na adolescencia e na xuventude, a aprendizaxe do amor, a diferenza entre amor romántico e amor paixón, ensinar a amar nos bos tratos etc.

Pola súa banda, Pilar Aguilar, ensaísta, investigadora, analista e crítica de cine e televisión, falará sobre o amor romántico e o cine, facendo fincapé nas persoas protagonistas dos relatos, na vivencia de aventuras ou de amor, en como analizar relatos de ficción audiovisual facendo visible o invisible, en prácticas de análise e na misoxinia audiovisual.

No caso do obradoiro de M.ª Paz Filgueira Paz, maxistrada do xulgado de violencia sobre a muller de Vigo, centrarase na Lei Orgánica 1/2004 de Protección Integral e a súa aplicación polos Tribunais Españois, analizando o papel da muller e dos menores. Neste caso, o contido do obradoiro versará sobre a Lei de protección integral e as súas sucesivas reformas, o Tribunal Supremo en interpretación de Lei de protección integral, a normativa comparada na materia e resolucións da Unión Europea de obrigada aplicación, e o tratamento sobre a violencia na Unión Europea, unha visión comparativa entre os distintos estados membros e especial referencia ás campañas institucionais.

A clausura da xornada Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero terá lugar ás 19:00 horas no castelo de Soutomaior.

 


Novas relacionadas

Presentación de Teresa Peramato

15 xuño 2017, violencia machista, igualdad, igualdade, escola de igualdade maría vinyals, escola de igualdade, igualdad de género, igualdade de xénero, escola igualdade maría vinyals