Noticias

A fiscal Teresa Peramato visibiliza as dificultades ás que se enfrontan as vítimas da violencia machista

A conferencia "A resposta xurídica á violencia de xénero e a súa evolución" enmarcouse na acción desenvolvida pola Deputación de Pontevedra ao abeiro da Escola de Igualdade María Vinyals


15 xuño 2017
Presentación de Teresa Peramato

A xornada Miradas Interdisciplinares sobre a Violencia de Xénero organizada pola Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra rematou a quenda de mañá cunha conferencia a cargo de Teresa Peramato, fiscal adscrita á Fiscalía da Sala de Violencia sobre a Muller na Fiscalía Xeral do Estado. Baixo o título de "A resposta xurídica á violencia de xénero e a súa evolución. Antigos e novos retos", a experta en violencia de xénero analizou os 12 anos de vixencia da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, a súa aplicación no contexto europeo, os déficits e necesidades (lexislativas e doutra índole) que se precisan para acadar os seus obxectivos e tamén o grao de implicación da sociedade no rexeitamento e a denuncia dos casos de violencia machista, entre outros aspectos.

Teresa Peramato sinalou que "se dicimos que avanzamos moito podémonos perder e non dicir aquilo no que fallamos mailas nosas carencias, que son moitas". Por iso, "aínda que hai que recoñecer que se avanzou, temos que poñer sobre a mesa os nosos fallos, o que temos que poñer da nosa parte para resolver esta situación e, se é por falta de medios, reclamalos sen complexos á hora de dicir que non sabemos facelo e precisamente axuda de profesionais que nos asesoren". Como primeiro reto pendente, Peramato sinalou "a ampliación do concepto de violencia de xénero para incluír como vítimas a todas as mulleres que sofren violencia e modificar o artigo que permite darlle a competencia especializada aos xulgados sobre a violencia sobre a muller".

A fiscal asegurou que "hai que recoñecerlle á Lei que achegou un gran de area na loita contra a violencia de xénero, da que non se sabía nada, porque iniciou un camiño nesa loita desde unha perspectiva multidisciplinar e especializada más alá da resposta do dereito penal" que, dixo Teresa Peramato, "non é a resposta, que ten que vir desde a educación para poder diminuír pouco a pouco esta lacra". Teresa Peramato tamén salientou que "esta lei sacou á luz un fenómeno reservado ao ámbito privado e elevou os niveis de concienciación a uns que nunca soñamos, pero isto non quere dicir que conseguimos a implicación da sociedade que buscamos".

Peramato tamén falou das dificultades ás que se enfrontan as mulleres vítimas das violencias machistas por mor das fórmulas empregadas polos lexisladores á hora de redactar as leis. Deste xeito, sinalou, "aínda que a ninguén se lle pasa por alto que cando falamos de divulgación de imaxes sexuais sen consentimento das mulleres, o lexislador empregou unha fórmula neutra que non se refire á muller como vítima" e, como ese, outros supostos "agás os que foron obxecto de modificación na lei de 2004". Deste xeito, as mulleres "temos que probar que a motivación da discriminación ocorre antes de cometer o delito e que é o que guía ao home a cometelo, e é moi difícil acreditar que un home matou a unha muller porque a mantiña nunha relación de subordinación ou como consecuencia dunha distribución desigual de poderes, especialmente cando non había denuncias previas".

Estes feitos contrastan cos datos cando, como sinalou Teresa Peramato, "o 92 % das vítimas de violencia intrafamiliar son mulleres, ao igual que o 90 % no ámbito da parella ou na ex parella, e o 84 % no caso dos delitos contra a liberdade sexual e a integridade sexual de menores, cando menos nas denuncias rexistradas. Ademais, neste último caso, o 48 % eran menores de idade e nenas na maior parte". Por iso, Peramato sinalou que "temos ferramentas, pero fai falla que desde o primeiro momento, partindo de que a vítima é muller, a orientación da investigación sexa cunha perspectiva de xénero para poder facer unha recompilación dos indicios que poidan facilitar argumentar que a discriminación por ser mulleres está acontecendo".

No ámbito da parella, a Lei de 2004 "conseguiu que a violencia de xénero chegara ás rúas e aos xulgados", sinalou Peramato. Mentres que en 2005 rexistráronse 63.000 denuncias de violencia doméstica e de xénero (que aínda non estaban separadas), en catro anos dobrouse a cifra ata as 136.000 en 2009. "Descendeu por mor da crise económica e agora xa se rexistra un número de denuncias máis alto", matizou a experta. Aínda así, "o certo é que hai unha violencia oculta enorme e temos que formularnos se toda a violencia no ámbito da parella chega aos xulgados e, no caso de que non sexa así, por que non chega", sinalou. De feito, "soamente un 23 % da violencia de xénero no ámbito da parella chega aos xulgados en 2012, en 2015 aumentou un pouco ata o 28 % mentres que o 65 % permanece oculta. Iso ten que producir unha alarma moi grande, porque non quere dicir que as mulleres non o conten".

Teresa Peramato arroxou datos moi significativos nos casos de denuncias ou a falta delas. Deste xeito, puxo en relevancia que das 142.000 denuncias que se rexistraron en 2016 unicamente o 1 % foron postas por familiares e o 12 % polas e polos profesionais sociosanitarios, o 10 % a través do parte médico. "Iso quere dicir que sabemos que esas mulleres están sendo obxecto de violencia machista, pero calamos e non denunciamos", sinalou a experta. Ademais, afirmou que "non se trata de coller o teléfono rapidamente senón primeiro axudar ás mulleres e darlles todos os apoios, e esa é precisamente unha das nosas reivindicacións no Pacto de Estado: esas mulleres deben ter asistencia de todo tipo antes da denuncia, a pesar dela, durante o procedemento penal e tamén despois del porque, aínda que estean executadas todas as penas, aínda se dan asasinatos de mulleres polos delitos anteriormente denunciados".

A experta tamén denunciou a situación de vulnerabilidade extrema que viven estas mulleres malia que "o 81 % llo contou a alguén". No contexto da violencia machista "créase unha situación de illamento ata o punto de que case o 27 % das vítimas llo contaron a familiares ou persoas do entorno do agresor, porque se atopaban nunha situación extrema ao ter perdidas a todas as persoas do seu círculo íntimo ás que poderían ter acudido". A maioría das persoas aconsellan que se rompa a relación pero "o 18 % réstanlle importancia, actuando con indiferenza, e mesmo un 11,5 % recriminaron ás propias vítimas a súa actitude".