Noticias

"Mulleres en Acción. Violencia zero" chega o martes a Soutomaior de mans da artista Iria A de Constanza

O programa da Deputación de Pontevedra pretende convidar á sociedade á reflexión sobre as agresións machistas e fomentar unha actitude crítica fronte e esta lacra


07 maio 2017
Mulleres en acción

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, asistirá este martes 9 de maio ás 12 horas no Multiusos de Arcade a unha nova intervención artística organizada polo programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", da Deputación de Pontevedra, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas galegas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta ocasión, o programa ofrece unha acción musical da artista pontevedresa Iria A de Constanza que leva por título Corda.

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas galegas, especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).