Noticias

"Castelao" guiará dous roteiros polo patrimonio de Salcedo

Trátase de dous paseos teatralizados no que o autor de Rianxo se irá atopando con outros personaxes para dar a coñecer os aspectos etnolóxicos, históricos e artísticos desta parroquia


09 nov 2016
http://www.stage.portal.depo.es/documents/1076146/5391849/09-11+ROTEIRO-lista.jpg/d2a6e781-f274-4665-9481-1807c00f1642?t=1478697396770?t=1478697396770

"Para min é un gozo volver a Pontevedra, e máis co engado de poder mostrar á xente de hoxe en día os lugares nos que trabei amizade con literatos e políticos e para que saiban o que sentín cando vivín aquí" asegurou esta mañá 'Castelao', durante a presentación dos roteiros polo patrimonio de Salcedo que el mesmo guiará. Castelao irá atopando ao longo destes paseos outros personaxes históricos que colaborarán na tarefa de poñer en valor a riqueza patrimonial e cultural desta parroquia. Dous actores da compañía 'Escuadra 17', a presidenta da Asociación Salcedo Norte, Mónica Lustres, o antropólogo Rafa Quintía, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentaron esta mañá esta iniciativa que terá lugar o sábado 12 como o domingo 20 de novembro.

Trátase de dous paseos de 4 quilómetros e unha duración estimada de 3 horas que estarán guiados por Castelao e polo antropólogo Rafa Quintía, que será o encargado de introducir os episodios históricos nun percorrido que lembra os lugares que Castelao menciona no seu escrito 'Meu Pontevedra'. O punto de saída será a Praza de Galicia ás 10:30 ambos días e a participación é libre e gratuíta e non se precisa inscrición previa.  Unha iniciativa da que Xosé Leal asegurou "sentir orgullo"  indicando que se alegraba que "as actividades que patrocinemos desde a Deputación sexan desta envergadura", en referencia a que esta iniciativa conta coa colaboración do departamento provincial de Cultura e Lingua no marco do Ano Castelao.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Salcedo Norte, Mónica Lustres, fixo fincapé en que a treatralización dos roteiros "é unha forma diferente de achegar á veciñanza a persoa de Castelao", mentres que o antropólogo Rafa Quintía explicou que o percorrido se iniciará en Campolongo e irá descorrendo polos lugares mencionados polo autor no seu escrito, onde as persoas participantes irán coñecendo distintos personaxes, cuxa identidade non quixo desvelar "para non estragar a sorpresa".

Ademais de dar a coñecer a paisaxe de Salcedo, tamén se amosarán formas de vida no pasado vinculadas ao rural de Pontevedra e os acontecementos e protagonistas da época histórica na que viviu Castelao na comarca. A parte didáctica da iniciativa complementarase ademais con dous concursos escolares dirixidos ao alumnado dos colexios da parroquia de Salcedo: o colexio de San Martiño e o de Cabanas. Para isto, deste a Asociación convocarán dous concursos dirixidos a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.

O primeiro dos concursos será de expresión artística e consistirá nunha análise do texto de Castelao 'Meu Pontevedra' e na representación plástica do que describe o autor. O segundo será de tipo literario e os e as participantes deberanse meter na pel do propio Castelao e redactar o que se pode ver e sentir a día de hoxe desde o Alto de Matalobos (lugar referenciado en 'Meu Pontevedra').


Novas relacionadas