Noticias

Xosé Leal: "Castelao é patrimonio de todas as persoas que comparten a súa obra comprometida"

O deputado de Cultura e Lingua participou esta tarde na inauguración da mostra "Castelao grafista" na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid


28 setembro 2017
Castelao

"Castelao foi e será un patrimonio tanto de Galiza e da súa xente como de todas as persoas que compartan con el a defensa de moitos dos ideais plasmados a través da súa arte comprometida". Así se refería o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao feito de que Castelo protagonice unha exposición na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. O deputado participou no acto oficial de apertura, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, por ser a Deputación de Pontevedra a institución que máis obra achega a esta mostra. A este respecto, o deputado nacionalista lembrou que "se falamos de Castelao temos que referirnos, como non podería ser doutra forma, a ese gran contedor da cultura galega que é o Museo de Pontevedra, que precisamente cumpre 90 anos de historia a finais de 2017, para reivindicar, ao igual que o artista que hoxe nos trae aquí, a milenaria tradición que temos como pobo e en cuxo xerme participou tamén Castelao dentro da Sociedad Arqueológica e na súa posterior consolidación".

O acto de inauguración desta tarde estivo encabezado polo director da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fernando de Terán Troyano, polo presidente da Fundación Mapfre, Antonio Huertas Mejías, polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña, e polo director da Fundación Torrente Ballester e comisario da mostra, Miguel Fernández-Cid. Na súa intervención, Xosé Leal, que se definiu como "herdeiro do pensamento de Castelao", fixo especial fincapé no compromiso do artista co tempo que lle tocou vivir, e asegurou que "universalizar a obra artística de Castelao reafirma a capacidade que tivo este rianxeiro de nacemento, aínda que como el mesmo dicía pontevedrés de adopción, para amosar a realidade galega desde a óptica do compromiso político e social". Cualificou a mostra como "un fito en canto á difusión da obra de Castelao fóra da súa Galiza natal" e insistiu en que "o que pretendemos que suceda coa súa obra ao levala por diferentes centros de referencia no mundo da arte, é poñer unha semente para que medre a admiración e o coñecemento da figura de Castelao fóra das nosas fronteiras".

Achegas do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra colabora cun total de 38 pezas na exposición e 26 reproducións máis que foron incluídas no catálogo. Destaca de xeito particular a cesión do conxunto das 31 ilustracións orixinais dos tres álbums de guerra: Galiza Mártir (1937), Atila en Galiza (1937) e Milicianos (1938). Esta é a primeira vez que se expoñen a totalidade dos debuxos fóra do Museo desde o seu ingreso en xuño de 1981, unha vez que, seguindo a vontade do autor, foi aprobado o Estatuto de Autonomía. De feito, a ilustración do álbum Galiza Mártir que leva por título A derradeira lección do mestre e que Castelao dedica ao seu amigo Alexandre Bóveda, é o elixido como imaxe do cartel desta mostra. Durante o tempo que os orixinais están expostos en Madrid, serán substituídos por reproducións na sala na que habitualmente se exhiben no Sexto Edificio.

O Museo tamén colabora coa cesión de catro figuríns para o Ballet Galego, asinados por Castelao en 1934, e outros tres apuntes a grafito que resultan moi ilustrativos do proceso creativo do artista: Paisaxe de Alba, un bosquexo para Cachoupo reproducido na cuberta do libro Cadencias de Herminia Fariña en 1922, e un apunte cunha cabeza de muller, estudo que aparecerá ilustrando a cuberta do libro de poemas Xente d'aldea de Alfredo Pedro Guisado –Pedro de Meneses–, editado en 1921 en Lisboa e dedicado polo seu autor a Castelao. Hai que lembrar que estes tres debuxos, procedentes da colección persoal de Castelao, foron identificados e exhibidos por primeira vez na exposición "Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936" coa que se conmemoraba o centenario da chegada do artista á cidade.

O Museo cede ademais reproducións doutras 26 obras para incluídas no catálogo da mostra, xunto coas 38 da exposición. Entre ese grupo de reproducións destacan obras tan representativas como as estampas Cachoupo e Vento Mareiro, catro carteis da campaña do Estatuto de 1936, seis ilustracións dos dous libros de Cousas, dous debuxos da serie Debuxos de negros, e oito deseños escenográficos pertencentes ás dúas versións da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse. O catálogo inclúe ademais textos de destacados referentes da cultura galega como son Miguel Anxo Seixas, María Victoria Carballo-Calero, Antón Patiño, Gonzalo Torrente Ballester, María Pilar García Negro, Ramón Villares, Valeriano Bozal e Inma López Silva. Na publicación tamén se recuperan textos do propio Castelao, de Gonzalo Torrente Ballester e de Ricardo Carballo Calero. A este respecto, Xosé Leal quixo felicitar ao comisario da mostra, o pontevedrés Miguel Fernández-Cid, "pola excelente elección das persoas que plasman nas súas palabras a idea do Castelao grafista ", e asegurou das persoas escollidas que son "referentes de onte e de hoxe, pero tamén do mañá da cultura galega que demostran a importancia que tivo e sigue tendo na novas xeracións Castelao e o estudo da súa obra".

Fotos


Novas relacionadas

http://www.stage.portal.depo.es/documents/1076146/5391849/09-11+ROTEIRO-lista.jpg/d2a6e781-f274-4665-9481-1807c00f1642?t=1478697396770?t=1478697396770

09 nov 2016, castelao, meu pontevedra, ruta, roteiro