Noticias

Xosé Leal: "a mellor maneira de honrar a memoria de Neira Vilas é promovendo a creación en galego ligada ao rural"

Esta tarde foi entregado o Premio 'Balbino' de Relatos ao gañador da primeira edición, Xián Lois Alcayde Dans, pola obra 'Camiños na sombra'


07 out 2016

Esta tarde, a Casa Museo Casares Quiroga, acolleu a entrega do Premio 'Balbino' de Relatos que nesta primeira edición recaeu en Xián Lois Alcayde Dans pola obra 'Camiños na sombra'. O autor, un mozo coruñés de 19 anos, presentou ademais o libro gañador publicado por Edicións Fervenza. O acto estivo encabezado polo escritor, investigador e crítico, Armando Requeixo, polo presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez, polo deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e o polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Este premio fora convocado o pasado mes de marzo para honrar a memoria do escritor de Vila de Cruces, Xosé Neira Vilas, da man da empresa dezana Técnicas&Gramaxe SL e co apoio de institucións como a propia Fundación que leva o nome do autor, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón. O deputado de Cultura e Lingua aproveitou a súa intervención durante o acto desta tarde para poñer de manifesto que "honrar a memoria de Neira Vilas e o seu legado literario e intelectual non podía terse feito de mellor maneira ca esta, promovendo a creación literaria en galego e vinculándoa ao mundo rural". Hai que lembrar que a temática obrigatoria das obras que concorreron ao concurso debía xirar ao redor das experiencias da aldea, recollidas ben de xeito directo ou indirecto. 

Leal asegurou ademais que " Neira Vilas foi unha figura fundamental na dignificación da nosa literatura e do noso idioma, que soubo tratar con mestría o tema do rural galego, que é a verdadeira columna vertebral da nosa identidade como pobo e que, grazas á súa obra, perdura ao longo do tempo". O deputado lembrou que 'Memorias dun neno labrego' é a obra de ficción galega máis vendida e máis lida de todos os tempos, "o que dá mostra da súa vixencia e de que, aínda que está ambientada nun tempo pasado, segue conectando coa rapazada de hoxe en día".

Á primeira edición da convocatoria deste premio concorreron 30 obras orixinais. O xurado, composto polas escritoras Rosalía Morlán e Ánxela Gracián e polo escritor Armando Requeixo, decidiu por unanimidade outorgarlle o único premio ao orixinal presentado baixo o título 'Camiños na sombra' e o lema 'Montegroso', e que está composto por un conxunto de quince historias. Tras a reunión, que tivo lugar o pasado mes de xullo no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, destacaron da obra gañadora a orixinalidade e modernidade dos relatos, nos que o rural galego é contemplado cunha visión plenamente actual. O premio está dotado con 1.500 euros e a publicación da obra.