Noticias

Chato Galante: "é incomprensible que no noso país se xulguen crimes contra a humanidade cometidos en medio mundo pero non os do franquismo"

A Deputación acolleu hoxe a xornada informativa de Na Loita contra a Impunidade para promover accións xudiciais contra as "barbaries do franquismo"


15 novembro 2019
A Deputación acolleu hoxe a xornada informativa de ‘Loita contra a impunidade'

"É incomprensible que no noso país, en aplicación do principio de xustiza universal, se estean xulgando crimes contra a humanidade cometidos en medio mundo, pero non se xulguen os crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo". Así de duro se amosou hoxe o "loitador antifranquista" Chato Galante nas Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita contra a Impunidade organizadas pola Deputación de Pontevedra.

Galante foi un dos relatores protagonistas da xornada informativa que tivo lugar no Pazo provincial para facilitarlles ás familias das vítimas pontevedresas do franquismo o inicio de procesos xudiciais contra os crimes cometidos tras do alzamento e durante a ditadura. Xunto a el estivo a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, así como a avogada Paloma García e o avogado Jacinto Lara, de CeAQUA, e a avogada Jana Calero, do grupo Avogados Novos.

A deputada María Ortega asegurou na súa intervención que o obxectivo da xornada informativa de hoxe era "dar un importante paso adiante nos dereitos humanos" e subliñou que as institucións públicas deben non só condenar o franquismo, senón tamén tomar medidas para garantir o dereito á xustiza e reparación das vítimas.

Así, reivindicou as modificacións necesarias no ordenamento xurídico e lexislativo español para recoñecer a tutela xudicial efectiva e rematar co sistema de impunidade vixente. "Nunca máis se pode alegar a prescrición dos delitos (…); e tampouco se pode alegar esa Lei da amnistía que consolida a impunidade e evita que se investigue e se axuícen os crimes cometidos", destacou.

Silencio cómplice durante 40 anos

Na mesma liña que María Ortega manifestouse o "loitador antifranquista" Chato Galante, quen subliñou que o feito de que en España se xulguen crimes contra a humanidade acontecidos noutros países, pero non se poidan levar aos tribunais os crimes contra a humanidade do franquismo é unha situación "incomprensible".

"Falamos de crimes cometidos no noso país, onde hai vítimas vivas e torturadores e criminais vivos, onde pasaron máis de 80 anos de dor e loita de familiares por recuperar os corpos das vítimas. É unha situación insostible desde o punto de vista dos dereitos humanos", insistiu.

Galante reivindicou para o Estado español unha reconciliación baseada no respecto mínimo das condicións de democracia, convivencia, verdade, xustiza e reparación, "que son os principios que o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas fixou para todo este tipo de procesos e polos que no noso país nin o poder lexislativo, nin o executivo, nin o xudicial, en particular, deron un só paso".

Segundo afirmou, houbo un "silencio cómplice" que permitiu durante 40 anos de democracia que todos os crimes quedasen impunes. Engadiu que a denuncia xudicial presentada na vía arxentina e no Estado por eses delitos "non é unha denuncia dirixida ao noso pasado, senón fundamentalmente cara ao futuro no sentido de que a situación lles afecta ás vítimas, aos seus familiares e á sociedade enteira".

En canto ás reclamacións penais, Galante admitiu que a xustiza "en condicións de peso" só poderá conseguirse cando a causa se xulgue en España, porque ao seu entender é imposible levar un macroproceso coma o que hai na Arxentina, con miles de persoas e centos de querelas, a 10.000 quilómetros de distancia.

"Sabemos que para conseguir xustiza os primeiros pasos ímolos dar nos tribunais internacionais", dixo, e explicou que xa está iniciado o percorrido: están denegados en España recursos de amparo no Tribunal Constitucional e xa se presentaron os primeiros recursos no Comité Internacional de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.

Eses procesos abriranse moi probablemente no 2020 e, segundo Galante, son a oportunidade de que un órgano do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos propoña a necesidade de xulgar e xulgue eses crimes. "En canto iso se produza, as resolucións do Comité son de obrigado cumprimento para a xustiza española. Aí abriremos a porta e presentaremos a necesidade de que eses procesos se abran no noso país", puntualizou.

Chato Galante tamén deu paso ao documental do que é protagonista, El silencio de otros. Explicou que a peza "é a historia viva de dez anos de loita polo dereito á xustiza das vítimas dos crimes do franquismo, que recolle a experiencia de todos aqueles horrores, de desaparicións forzadas, fosas comúns, roubo de bebés, tortura, cárcere, exilio ou calquera outro tipo que se poida imaxinar e que foron cometidos por aquela ditadura criminal".

Asesoramento de CeAQUA

A parte máis técnica da xornada chegou da man do avogado Jacinto Lara e das avogadas Paloma García e Jana Calero. Lara baseou a súa intervención no principio de que "sen xustiza non hai reparación efectiva para as vítimas". A partir de aí, destacou que existen tres posibilidades ou niveis de actuación para reclamar xudicialmente os crimes do franquismo. Unha vía é por parte das institucións públicas e outra por parte das querelas individuais, que poden funcionar en dous planos: vía principio da aplicación da xustiza universal a través da querela arxentina ou, por outro lado, e perfectamente compatible coa vía anterior, denunciar accións legais nos xulgados e tribunais galegos.

"Moi probablemente, case que con total seguridade, as accións que se exerciten aquí poderán non ser admitidas a trámite, pero unha vez esgotada a vía xudicial interna, incluído o Tribunal Constitucional, sempre se pode acceder a tribunais internacionais, ben ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou ben aos diferentes comités das Nacións Unidas, cuestión que a querela arxentina non permite", apuntou, abondando así na explicación dada por Galante.

Así mesmo, amosou a dispoñibilidade da Coordinadora CeAQUA para orientar as familias pontevedresas que decidan presentar unha querela, tanto na vía que deben seguir como para solucionar cuestión máis prosaicas, como a documentación que se precisa, o seu posible custo ou outras cuestión prácticas da execución.

Finalmente, Lara recoñeceu a importancia de que as institucións, como neste caso a Deputación, amparen sempre as vítimas. "A implicación dos poderes públicos nesta cuestión é unha das materias pendentes máis importantes no conxunto do Estado español. Que as vítimas se poidan sentir apoiadas supón un paso moi importante para xente que viviu situacións de ignorancia e incluso de desprezo de tipo social", asegurou, e insistiu en que as vítimas deben "sentir tamén o apoio da sociedade civil e ver que, efectivamente, teñen un sentimento colectivo e compartido con moitas máis persoas".

Acto institucional, mañá ás 12 h

Os actos de memoria histórica organizados pola Deputación no marco do recordo dos fusilamentos do 12 de novembro en Pontevedra finalizarán mañá sábado cun acto institucional ás 12 horas aberto ao público, no que as familias Bóveda e Caamaño asinarán publicamente a súa adhesión á querela arxentina e reclamarán xustiza polos crimes cometidos tras o alzamento do 36 contra Alexandre Bóveda e Amancio Caamaño co obxectivo simbólico de facer un chamamento a outras familias de vítimas da ditadura para que tamén inicien procesos xudiciais.

Fotos

Vídeos

  • Resumo da xornada informativa
  • Acto de adhesión
  • Emisión en directo