Noticias

A familia Paz súmase á de Bóveda e Caamaño e adhírese á querela arxentina contra os crimes do franquismo

A deputada María Ortega insta aos xuíces a recoñecer que os asasinatos durante o golpe, a guerra e a ditadura "foron realmente crimes contra a humanidade"


16 novembro 2019
Xornadas memoria historica

O salón de plenos do Pazo provincial foi hoxe escenario dun emotivo acto de reparación e dignidade da memoria histórica. As familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e finalmente tamén de Ramiro Paz Carbajal, impresor asasinado o 12 de novembro do 36, asinaron a súa adhesión á querela arxentina contra os crimes do franquismo para esixir que sexa a xustiza a que, dunha vez por todas, poña a verdade enriba da mesa revogando as condenas e sancionando os seus axustizamentos.

Na súa intervención, a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, sinalou que as reclamacións xudiciais son fundamentais para a reparación e para a restitución da dignidade. Salientou que é fundamental que sexa un xuíz o que recoñeza formalmente que as condenas que un día sufriron as vítimas, que os asasinatos, que as torturas, que as depuracións de boa parte do pobo galego polas súas ideas, "foron realmente crimes contra a humanidade".

A nacionalista lembrou que o salón de plenos da Deputación foi no seu tempo o lugar onde se xulgou e se condenou a morte, por razón de traizón á patria "a persoas que, pola contra, só defendían un incipiente autogoberno para Galiza, a democracia e o goberno lexítimo da República", e engadiu que a pouco máis dun quilómetro, na Caeira, executáronse vilmente os asasinatos Bóveda, Caamaño, e Paz, entre outros.

Ortega criticou que a día de hoxe aínda non é posible encarar de maneira global a represión e facer xustiza e reparar as vítimas xa que é preciso agardar os pronunciamentos sobre os crimes do franquismo dun xulgado arxentino ou de tribunais internacionais. "Os xulgados españois vetan sistematicamente todos os procesos que se presentan. Por iso non queda máis que seguir facendo presión, desde as institucións comprometidas, desde a sociedade civil, desde os colectivos memorialistas… enchendo de querelas os xulgados, facendo do dereito á xustiza e á verdade o centro do debate", dixo.

Familias

As intervencións das familias Bóveda e Caamaño (a Paz preferiu non intervir publicamente) recibiron cadanseus fortes, prolongados e emocionados aplausos por parte do público que ateigaba a institución provincial.

Pola súa banda, o neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda explicou na súa intervención que a súa familia tomou a decisión de dar o paso e presentar a querela por acompañar á Deputación ao ver que se poñía á fronte da loita contra a impunidade. Explicou que realmente outro dos motivos da adhesión á querela foi porque se fixo no edificio do Pazo provincial, onde se xulgou a tanta xente.

Tamén sinalou que onte, 15 de novembro, se constituíu o Consello da Galiza en Bos Aires, "ese goberno no exilio que nos representaba e que, se hoxe estiveran presentes, seguro que nos dicían que era convinte apoiar a querela arxentina". Por último, sinalou que hoxe é o Día de Celebración do Patrimonio Cultural e a memoria colectiva é un patrimonio cultural.

"Moitas das fendas que temos hoxe na memoria son porque bebemos dun patrimonio cultural falseado", dixo, para engadir que a memoria colectiva e a memoria da identidade dun pobo é patrimonio cultural, cuestión protexida como dereitos básicos no artigo 44 da Constitución Española, "que estes que se din tan constitucionalistas incumpren taxativamente cando deixan de financiar políticas de memoria ou cando nos negan o dereito a esa recuperación".

Pola súa banda, Amalia Bóveda, filla do galeguista, manifestouse "agradecida sempre, por lograr facer que nesta xeira na que estamos de búsqueda de xustiza, me sinta cada día máis acompañada. Polo cal cada día máis forte" . "Agradecida por permitir iniciar este novo camiño, eiquí. Eiquí onde meu pai tanto traballou pola Deputación, pola República, polo Estatuto e pola Democracia. Onde tamén defendeu iso até que foi detido, tamén eiquí. E eiquí volta preso, ata que eiquí –de novo– é falsamente xulgado e inxustamente condenado. Eiquí, o futuro nos foi roubado, e eiquí o presente comeza a reclamalo", destacou.

Pola súa banda, Begoña Caamaño, neta do expresidente da Deputación fusilado o 12 de novembro do 36 quixo reivindicar no acto e coa sinatura de hoxe a anulación das sentenzas de norte por traizón á patria "dunhas persoas cuxo único delito consistiu en manterse fieis á legalidade e opoñerse a un levantamento militar contra un goberno elixido nas eleccións democráticas".

Caamaño afeou que ningún goberno na democracia actual tivo a valentía e a dignidade de anular as sentenzas, "e chegamos a este punto tras unha transición considerada modélica en moitos aspectos, pero que permitiu que o franquismo quedase incrustado na sociedade e na administración pública española, pasando páxina dunha ditadura a unha democracia na que moitos dos seus actores mantivéronse nos seus postos con só un cambio de papel e un lavado de cara".

Engadiu, duramente, que "esta é unha democracia que adoeceu de non saber contar a verdadeira historia de España no século XX no seu tráxico período do golpe militar e os longos anos de guerra civil e ditadura que seguiron. A ensinanza desta parte da historia á mocidade que naceron en democracia foi case nula e por suposto moi opaca". Xa para terminar, argumentou que como di o refrán, "daqueles polvos veñen estes lodos" e proba dela sinalou "a situación política na que nos encontramos na actualidade, co rexurdimento da extrema dereita que temos neste país". "Papá, avoa Matilde, tías, isto vai por vós", rematou.

Ahesión á querela arxentina pdf

Fotos