Noticias

A figura de Xela Arias chega ao castelo de Soutomaior da man da Deputación de Pontevedra

A performance creada por Fernando Abreu terá lugar o vindeiro 6 de xullo e xa está aberto o prazo para reservar as prazas


19 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra continúa a por en valor a figura e a obra de Xela Arias, homenaxeada das Letras Galegas neste 2021, e levará o martes 6 de xullo unha vangardista proposta ao castelo de Soutomaior, a performance creada por Fernando Abreu titulada Vencerse é cousa de se tratar, na que a palabra e a música mestúranse coa imaxe baixo a dirección escénica de Avelino González. Todas as persoas que desexen gozar deste espectáculo, que terá lugar, ás 22 horas, no castelo, xa poden reservar un máximo de catro asentos en participa.cultura@depo.es.

En Vencerse é cousa de se tratar o público asistirá a un recital poético da propia Xela Arias, quen antes de falecer gravou a súa voz declamando algunhas das súas pezas, e Mónica de Nut quen estará ante o público. Ademais, durante a actuación, a cantante interactuará musicalmente con Fernando Abreu e Pablo Carrera. A peza completarase coa proxección de imaxes de Roi Fernández desde o concepto "cine en directo", co que leva traballando moitos anos no mundo do teatro.

Esta performance foi creada por Fernando Abreu a partir dunha serie de materiais que estaba gravando con Xela Arias no ano do seu falecemento. Xuntos preparaban as presentacións do que sería o derradeiro poemario da autora, Intempériome, nas que querían mesturar versos e música desde un punto de vista contemporáneo. Para preparar este traballo o músico gravou á autora recitando poemas deste libro sen saber que se ían a converter nun documento único tras a súa inesperada morte. Agora, grazas a este exercicio, podemos gozar da voz de Xela Arias nun entorno tan fermoso como é o castelo de Soutomaior.


Novas relacionadas