Noticias

A Deputación leva este sábado a Ponteareas o espectáculo X Xela para poñer en valor a lingua galega

A praza da Feira Vella acollerá, no marco das festas de San Miguel, un acto multidisciplinar con poesía, audiovisuais e a música de A Banda da Loba


27 setembro 2021
X Xela en Pontevedra

A Praza da Feira Vella será este sábado 2 en Ponteareas o escenario do espectáculo ‘X Xela', un evento co que a Deputación contribúe ás festas de San Miguel organizadas polo Concello e co que a institución provincial pretende poñer en valor o galego e conmemorar as Letras Galegas dedicadas este ano a Xela Arias baixo o lema ‘365 días en galego'.

A asistencia ao espectáculo, que se celebrará a partir das 21 horas, é libre mais é preciso reservar entrada a través da plataforma eventbrite.es que xestiona todos os eventos con público do Concello de Ponteareas. As prazas concederanse por orde de solicitude.

‘X Xela' é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora Xela Arias misturando tres formatos: música, poesía e fotografía. Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, "será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular".

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de ‘X Xela', comisariada por Tamara Andrés, contará con tres poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa, e Nuria Vil, todas elas rebeldes e denunciadoras de desequilibrios que lanzarán "frases coma frechas". "O espírito de Xela estará moi presente", subliña a comisaria.

O espectáculo ‘X Xela' xa pasou da man da Deputación pola praza da Ferrería en Pontevedra o pasado mes de xuño. De forma paralela, a institución provincial ten en marcha outras actividades relacionadas con Xela Arias, como a mostra fotográfica aberta no Museo Verbum de Vigo ata o 29 de outubro.