Noticias

"A-tragoad-a" de Stephy Llaryora pecha cun chamamento á loita contra a violencia machista a vi edición de "Mulleres En Acción. Violencia Zero"

Tras máis de 100 actuacións desde 2015, o programa provincial despide en Soutomaior a súa VI edición ante o alumnado de 3º da ESO do Colexio Santiago Apóstol


10 novembro 2021
Mulleres En Acción. Violencia Zero

As diferentes fases polas que pasa unha relación de violencia machista, xunto coa música e a danza, foron as grandes protagonistas da performance de Stephy Llaryora hoxe en Soutomaior. No marco da clausura da VI edición do programa provincial "Mulleres en Acción. Violencia Zero", a artista fixo con "A-tragoad-a" un chamamento claro e emotivo á loita contra a violencia de xénero física e psicolóxica. Tras máis de 100 actuacións pola provincia desde o seu inicio en 2015, a Deputación despide, un ano máis, o seu programa emblema do seu compromiso pola igualdade. A actuación foi seguida en directo polo alumnado de terceiro da ESO do Colexio Santiago Apóstol, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e a concelleira de Igualdade de Soutomaior, Cristina González.

A acción escénica de Llayora, estreada en "Violencia Zero", consistiu nunha peza de movemento expresivo, próxima á danza contemporánea, na que a artista fixo partícipes aos e ás asistentes das diferentes fases polas que pasa unha relación desde que comeza ata que, no peor dos casos, a muller morre física ou psicoloxicamente. A artista baseouse, para representalas, no significado de 12 palabras: "conexión", "sedución", "paixón", "convencer", "illamento", "culpar", "manipular", "escapar", "recaer", "denigrar", "dominar" e destruír". Representando cada unha delas unha fase, Stephy Llaryora acompañou a súa definición, pronunciada por diferentes mulleres do panorama artístico e da súa contorna (entre as que se atopa a súa propia nai), das súas danzas interpretadas no interior dun acuario transparente. A performance remata coa artista baixo unha tea que cobre o acuario, símbolo da súa propia morte física ou psicolóxica. 

"A-tragoad-a" fai visible á mocidade unha realidade palpable no seu día a día. Invítaa á reflexión e amosa os diferentes estadios polos que pasa unha relación tóxica para pola alerta ante este tipo de situacións. Trátase dunha acción que pon de relevo a violencia machista no seu estado máis atroz, pero tamén no menos visible, que leva a moitas mulleres á ansiedade e á depresión. Para a súa creación a artista empregou un total de 12 pezas musicais, todas elas de artistas españolas, como Travis Birds ou Allice Wonder, e de moi variados xéneros musicais. A peza, cuxa duración abrangueu preto de 20 minutos, rematou cun pequeno coloquio no que Stephy Llaryora falou do seu proceso de creación e interactuou cos e coas asistentes sobre a dificultade de saír das relacións de violencia e dos problemas cos que se atopan as vítimas pola falta de comprensión da sociedade.

Esta foi a última acción levada a cabo dentro da VI edición do programa, que este ano ten como lema "Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade". "Mulleres en Acción. Violencia Zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Amais, a "nova normalidade" na que se desenvolveu esta edición propiciou que o proxecto incorporase novos soportes na acción transversal a favor da igualdade, que se materializaron en máscaras con creatividades feministas deseñadas por Lara Lars, Gemma Marqués e Laura Romero. O programa provincial continuará a súa andadura este mesmo mes, dando comezo a unha nova edición que volverá contar con 25 accións de visibilización que invitan á reflexión sobre a violencia.