Noticias

María Villanueva pone voz, imaxe e música á súa "Carta Aberta" contra a violencia que sofren as mulleres na acción de "Violencia zero" en Cuntis

Carmela Silva: "non podemos deixar de traballar cara a igualdade de todas as mulleres en todos os lugares do mundo"


23 febreiro 2021
Mural Cuntis

A artista viguesa María Villanueva escenificou hoxe no Centro Patelas de Cuntis unha implosión de música, imaxes e palabras na nova acción do programa "Mulleres en acción. Violencia zero" que desenvolve a Deputación de Pontevedra e que, en palabras da presidenta provincial, "é un berro convencido e cada vez máis necesario". A "Carta Aberta" que interpretou sobre o escenario a artista puxo o foco no "mundo misóxino" en que vivimos e, segundo Villanueva, constituíu "un exercicio de escoita e reacción; unha busca de respostas sobre a violencia e o feminismo; ese feminismo no que hai espazo para todas"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, foi unha das persoas que puideron gozar en directo desta acción xunto coa deputada provincial, Victoria Alonso, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e persoas integrantes da Corporación municipal. Para que todo o mundo puidera ter a oportunidade de ver a acción de María Villanueva, esta foi retransmitida a través de diversas canles institucionais así como no Centro de Día de Cuntis.

A presidenta provincial fixo un recoñecemento ás mulleres que traballan nos CIM xunto a outras mulleres que cada día padecen todo tipo de desigualdades. Neste senso puxo ao Concello de Cuntis como un referente no traballo pola igualdade posto que "o prioritario é que a metade do mundo acade aquelo que lle corresponde: a metade de todo". Silva lembrou que o día no que coñeceu a María Villanueva quedou "abraiada e profundamente namorada. Porque namorarse é amar algo e non o amor romántico e de mentira que nos contan a través do mundo audiovisual, feito por homes". Ademais, a presidenta destacou que Villanueva "pon toda a súa capacidade a disposición da loita máis fermosa que existe, que é a da igualdade".

Silva recalcou que as mulleres están marcadas dende o seu nacemento para que "saibamos o lugar que temos que ocupar no mundo" mentres aos homes lles din que "teñen un lugar de empoderamento". "Tampouco aparecemos nos libros de texto nin nos debates, nos que falan eles e nos contan o mundo cunha mirada masculina". Polo tanto, "medramos sen referencias e crendo que estamos para outras cousas e non para opinar, cambiar, transformar ou dirixir". Estamos nun mundo no que a "metade da poboación leva centos de anos reclamando que non quere nin máis nin menos que a metade de todo" e ademais "somos o talento, o 55 % das tituladas universitarias en España".

Silva fixo fincapé en que no mundo occidental témonos que enfrontar a moitas desigualdades posto que ata "a diversidade é máis aceptada neles que en nós" pero "hai mulleres noutros lugares do mundo que sofren moito máis e por iso temos que reclamar a axenda feminista, a loita contra a prostitución e os ventres de alugueiro". Por iso "queremos que rematen todos os machismos. Non hai ningún micromachismo, todos son macros, ata o máis terrible que é o asasinato de miles de mulleres no mundo". A presidenta provincial rematou a súa intervención lembrando que "non podemos deixar de traballar cara a igualdade de todas as mulleres en todos os lugares do mundo".

Manuel Campos quixo deixar claro que "a aposta feminista en Cuntis está moi presente". Na súa intervención agradeceu tanto ao ente provincial como ao persoal e políticos do concello o traballo que levan a cabo a favor da igualdade. Lembrouse tamén dunha alpinista á que coroar cumios se lle fixo máis complicado polo simple feito de ser muller así como da primeira muller vicepresidenta dos Estados Unidos. Campos quixo rematar a súa quenda de palabra cunha frase de Carme Chacón: "cada vez que unha de nós da un paso adiante, dao o noso xénero".

A artista leu e interpretou coa guitarra a súa "Carta Aberta". Durante a súa acción puxo sobre a mesa "catro inxustizas misóxinos do día a día": os coidados no recoñecidos e non remunerados, as relacións desiguais e tóxicas, o feminicidio e todas as mulleres que non son tidas en conta á hora de tomar decisións. A peza estivo apoiada por fragmentos audiovisuais nos que a artista recolleu a testemuña de varias mulleres referentes como Hannah Gadsby, Gahela Cari, Marielle Franco ou Angela Davis.

Para visibilizar estes coidados, feitos fundamentalmente por mulleres, a María Villanueva interpretou unha canción portuguesa "dedicada a todas as mulleres anónimas que non acumulan riqueza nin teñen espazo nos medios de comunicación pero que moven o mundo día a día co seu traballo". A artista puxo tamén exemplos das diferentes formas nas que aparecen as relacións tóxicas "que non son o que parecían" e deulle voz ás mulleres que se ven atrapadas nelas cunha canción propia.

A continuación, cunha canción que fala sobre Marielle Franco, unha política de Río de Xaneiro asasinada en 2018 "que estaba a levar a cabo unha auténtica revolución no seu país", a artista falou sobre feminicidios. Franco era unha muller "negra, muller, favelada e lesbiana e ter unha forza sen precedentes na política antirracista e feminista do país tivo moito que ver co seu asasinato", en palabras da artista. Neste senso, Villanueva quixo destacar que "desde 2017 morreron mo mundo, polo menos, 87.000 mulleres vítimas de feminicidio". A artista quixo rematar a súa intervención falando da desigualdade entre as mulleres e poñendo o foco nas "mulleres con maiúsculas", unhas mulleres "ás que se lles censura por ser como son". Falou de desigualdades a nivel económico, social, legal e laboral que sofren, entre outras, mulleres trans, xitanas, negras, migrantes e pobres.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 "Mulleres en acción. Violencia zero" contará con outras 18 actividades, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas, música e poesía.

Arte en busca da igualdade

Carmela Silva e Victoria Alonso aproveitaron a súa visita a Cuntis para coñecer de primeira man un mural promovido polo concello e instalado no pavillón municipal, na súa visita estiveron acompañadas por representantes do concello. Esta proposta artística, que reivindica o rexeitamento á violencia machista, foi realizada por Cestola na Cachola, a cooperativa creada por Miguel Peralta e Xoana Almar, que a levaron a cabo en conxunto coas artistas Lidia Cao e Iria Fafián.

Coa figura feminina como eixe principal este mural busca a unión da forza na procura da igualdade á vez que pon de relevo a importancia que teñen as mulleres na construción da sociedade. Con este fin, o grupo de artistas plasmou a figura de tres mulleres en tres das paredes do pavillón realizando actividades ligadas ao concello de Cuntis. Deste xeito, unha delas atópase lendo na contorna dos petróglifos -elementos patrimoniais moi presentes na zona- outra das mulleres do mural atópase en sintonía coa auga -en referencia ás augas termais- e a terceira delas é unha muller oleira -motivada por los restos arqueolóxicos de cerámica aparecidos no contorno-. Amósase, polo tanto, a tres mulleres creadoras e coidadoras, no senso de traballar en empatía coas compañeiras.