Noticias

Vilaboa recibe 50.000 euros do Plan Concellos para realizar melloras na casa da cultura de Riomaior

Vilaboa xa leva recibido máis de 450.000 €, o 93 % das axudas previstas para a vila este ano no Plan Concellos, que suman medio millón de euros


15 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante unha Resolución presidencial, unha nova achega de 46.173,71 € destinada a Vilaboa a través da liña 1 do Plan Concellos 2017. A través deste novo investimento, Vilaboa poderá realizar a instalación de calefacción na casa da cultura de Riomaior.

Ademais desta última axuda, Vilaboa xa ten recibido ao longo deste ano a través do Plan Concellos outros 228.586,80 € para realizar diferentes obras de acondicionamento no espazo natural protexido das Salinas de Ulló, a pavimentación e asfaltado de varias pistas municipais, a adquisición de maquinaria para o mantemento de infraestruturas, viarios e xardíns, a pavimentación de pistas municipais, para a substitución da cuberta do lavadoiro da Bouza e tamén para reparacións diversas en varios colexios públicos do municipio. Ademais, outros 111.560,20 €, en liña 3, para a contratación de 10 persoas nos distintos servizos municipais da localidade.

Polo momento, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2017 en Vilaboa sitúase no 93 %, o que supón que a vila xa recibiu un investimento total por parte da Deputación de Pontevedra situado en 460.693,97 euros dun total de preto de 500.000 euros.