Noticias

Vila de Cruces mellorará os vestiarios do pavillón municipal cunha nova achega do Plan Concellos

Cunha axuda superior aos 500.000 euros, a institución provincial xa leva entregado preto do 80 % do importe total que recibe Vila de Cruces dentro do Plan Concellos


19 agosto 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega ao concello de Vila de Cruces no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de Investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 21.691,98 € co obxectivo de mellorar os vestiarios do pavillón deportivo municipal.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, anteriormente a institución provincial xa destinara a Vila de Cruces 263.184,06 € en liña 1 para unha mellora do camiño entre Vilariño e Beuvas, a mellora e acondicionamento doutro camiño na Senra e Toiriz, financiar as obras do muro de contención de Carbia máis a mellora de varios camiños municipais nos núcleos de Losón e Bodaño e para a construción de panteóns no cemiterio municipal. A maiores, 96.663,20 € para poder afrontar diversos gastos correntes e, finalmente, outros 134.770,60 euros para a contratación de 11 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Vila de Cruces atópase no 80,1 % o que se traduce en que a localidade xa dispón de 326.912,17 € dun total de preto de 650.000 €.