Noticias

Vigo acolle este domingo a DepoRuta BTT coas 300 prazas esgotadas

A presidenta provincial e o alcalde da cidade asistirán a este percorrido de 40 quilómetros que terá a saída no parque forestal do Vixiador


28 setembro 2018
DepoRuta

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistirá este domingo á segunda das "DepoRuta BTT" 2018 que se celebrará nos montes de Vigo coas súas 300 prazas esgotadas.

A DepoRuta de Vigo, cunha distancia de 40 quilómetros e que se iniciará no parque forestal do Vixiador, percorrerá gran parte da parroquia viguesa de Candeán, pasando por outras como Cabral, Lavadores ou Teis. Ademais, aprovéitase gran parte da coñecida Ruta da Auga, na que as persoas participantes poderán desfrutar dunhas magníficas vistas sobre a ría de Vigo, a ponte de Rande ou a illa de San Simón. Trátase dunha ruta longa pero sen demasiadas complicacións técnicas.

A seguinte "DepoRuta BTT 2018" terá lugar en Caldas de Reis, Portas e Barro, o 21 de outubro. Nas BTT, a Deputación de Pontevedra pon a disposición de todas as e os participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamentos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

A primeira das DepoRutas BTT, que tivo lugar o pasado mes de xuño en Sabucedo, contaba cunha distancia de 32 quilómetros e tamén tivo un éxito total ao esgotar as 300 prazas ofertadas. Así, a Deputación de Pontevedra dálle continuidade, por segundo ano consecutivo, a unha iniciativa que se estreou cunha grande acollida no 2017.


Novas relacionadas

Deporutas BTT

14 maio 2018, caldas de reis, vigo, sabucedo, btt, deporuta, deporuta btt

26 marzo 2018, barro, caldas de reis, vigo, sabucedo, portas, deporutas btt