Noticias

Con todas as prazas esgotadas, Sabucedo acolle este domingo a primeira DepoRuta BTT 2018 que organiza a Deputación

A presidenta, Carmela Silva, asistirá a este percorrido de 32 quilómetros que terá a saída no espectacular curro da Rapa das Bestas


15 xuño 2018
DepoRuta

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistirá este domingo á primeira das DepoRuta BTT 2018 que terá lugar en Sabucedo coas súas 300 prazas esgotadas e na que as persoas participantes poderán gozar de elementos de enorme valor ambiental e cultural.

A DepoRuta de Sabucedo, cunha distancia de 32 quilómetros, iniciarase nun marco espectacular como é o curro da Rapa das Bestas, convertendo ás e aos ciclistas en aloitadoras e aloitadores, e ás súas bicicletas en bestas. O percorrido continuará pola zona norte de Sabucedo alternando treitos de dificultade baixa con outros máis técnicos tanto de subida coma de baixada) para, a partir do segundo terzo do percorrido, ir cruzando diferentes pobos do concello da Estrada (Vilanova, Portela, O Coto, Xubrei, Codeseda…) e gozando ao seu paso de elementos de valor cultural.

As seguintes DepoRutas BTT 2018 terán lugar en Caldas de Reis, Portas e Barro, o 2 de setembro, e, en Vigo o 30 de setembro. Nestas BTT, a Deputación de Pontevedra pon a disposición de todos os e as participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamentos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

As inscricións para as tres DepoRutas BTT son totalmente gratuítas e poden realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (/deporuta).


Novas relacionadas

Deporutas BTT

14 maio 2018, caldas de reis, vigo, sabucedo, btt, deporuta, deporuta btt