Noticias

Uxío Benítez explica en A Coruña a fórmula Ágora da Deputación de Pontevedra para implicar aos pequenos concellos na recuperación do espazo público

O deputado provincial participou nun foro organizado polo concello coruñés ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade


21 setembro 2021
Uxío Benitez

O deputado de Espazos Públicos e Mobilidade Uxío Benítez explicou hoxe en A Coruña a ‘Fórmula Ágora' da Deputación para implicar aos pequenos concellos da provincia na recuperación do espazo público para as persoas. E fíxoo nun relatorio organizado polo Foro da Mesa pola Mobilidade Sostible do Concello da Coruña celebrado no Museo Científico- Domus.

Benítez compartiu palestra con Ana Montalbán e Mateus Porto, dous arquitectos especialistas integrantes da Rede de Cidades que Camiñan, nun intento de poñer en común o que está a facer na provincia de Pontevedra  por avanzar cara a unha mobilidade sustentable e vencer as resistencias que desde diferentes sectores dificultan ese avance, poñendo no foco en que a mellora da mobilidade non se pode  circunscribir ás grandes urbes e debe estenderse a todas as outras vilas, municipios e núcleos. De feito, foi este o motivo polo que a organización considerou  "transcendental e imprescindible" contar coa Deputación de Pontevedra na xornada.

Benítez explicou que nestes momentos hai 54 concellos implicados na ‘Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público' na provincia de Pontevedra e que a Deputación está a fomentar e a asesorar a realización de actuacións para mellorar a calidade urbana das vilas, así como poñendo subvencións económicas a disposición dos concellos tanto para realizar proxectos que prioricen ás persoas como tamén para a execución de obras. Así mesmo, explicou que a Deputación ten en marcha a iniciativa da ‘Facultade Ágora', coa que está a formar a persoal técnico e político da provincia cun grande elenco de especialistas de diferentes disciplinas que abordan a necesidade de recuperar o espazo público para o seu uso social fronte á invasión dos vehículos a motor.

Benítez apuntou que a recuperación do espazo público non é unha moda. Subliñou é preciso que as e os tomadores de decisións nas vilas teñan clara "a necesidade de garantir o dereito ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva" e que é preciso "construír unha nova sociedade para protexer o noso hábitat, xa que os coches nolo arrebataron", dixo.

Como base, explicou que a Deputación está a traballar cun decálogo de principios que deben rexer en todas e cada unha das actuacións propias e tamén dos concellos adheridos á rede: O espazo público é un dereito; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.

A xornada, previa ao ‘Día sen coches' que se conmemora mañá, comezou cun relatorio dunha representante do Sergas que disertou sobre a mobilidade natural como cuestión imprescindible para a saúde. Contou así mesmo coa participación das técnicas Ana Montalbán e Mateus Porto (tamén profesores na Facultade Ágora) que abondaron sobre o que deben ser "as cidades camiñables".

Unha vez Uxío Benítez expuxo o modelo Ágora, posteriormente celebrouse un coloquio coas persoas responsables das políticas de mobilidade das sete cidades galegas, no que tamén participou o vicepresidente César Mosquera, mais como concelleiro de Mobilidade de Pontevedra.