Noticias

A Facultade Ágora pecha mañá a súa primeira parte antes do parón do verán cun seminario sobre mobilidades alternativas

O deputado Uxío Benítez fai un balance moi positivo do curso pola alta participación do alumnado e polas felicitacións do cadro de persoal docente polo innovador da proposta: "Superáronse as expectativas"


17 xuño 2021
Alfonso Sanz

AA Deputación de Pontevedra vai pechar mañá venres, cun seminario sobre Mobilidades Alternativas, a primeira parte do curso da Facultade Ágora sobre espazo público, que xa chega ao seu ecuador e parará durante os meses de xullo e agosto. Como balance dos relatorios, coloquios e clases maxistrais celebradas ata o de agora, o deputado Uxío Benítez salientou que se superaron as expectativas grazas á altísima participación por parte do alumnado e ás felicitacións continuas do cadro de persoal docente polo innovador da proposta.

Benítez destaca que a Facultade Ágora xurdiu como un curso de formación para o persoal técnico e político dos concellos sobre como tratar o espazo público e priorizar ás persoas dende unha perspectiva pluridisciplinar, con docentes de 14 titulacións diferentes. "A Facultade supón un formato innovador. A nosa iniciativa principal, a Rede Ágora de Concellos, o que pretende é que no 2023 os concellos da provincia teñan recuperado espazo público para as e os peóns, e estamos tendo unha moi boa resposta porque as persoas asistentes están interesadas en saber como se deben facer ben os redeseños das vilas e cidades", destacou o nacionalista.

Desde un inicio, lembrou o deputado, matriculáronse mais de 210 persoas na Facultade, o que xa amosou unha moi boa acollida sobre a temática a abordar. Ademais, a participación real en directo está a ser de entre 170 e 190 persoas por seminario, ás que se suman as que fan as visualizacións das xornadas en diferido por cuestións laborais. Tamén lembrou que todas as persoas relatoras están a felicitar á Deputación pola novidade coa que se está a abordar o tema. "É unha grande satisfacción ser recoñecidos", indicou.

Na xornada de mañá venres reflexionarase sobre a necesidade de introducir outras ‘Mobilidades Alternativas' non motorizadas nas vilas, principalmente camiñar, pero tamén a mobilidade ciclista. De feito, debaterase sobre o papel de medios como a bicicleta, o transporte público e o transporte colectivo na recuperación do espazo público para as persoas, a súa relación coa autonomía infantil, as infraestruturas necesarias, e a xestión e a regulación de bicicletas e transporte público, con especial atención ás condicións dos hábitats rururbanos.

Alfonso Sanz

Participarán o xeógrafo, matemático e técnico urbanista Alfonso Sanz, que traballou como consultor en máis de 30 cidades españolas, colaborando na súa planificación urbanística e de mobilidade; tamén o arquitecto, doutor en Urbanística e Ordenación do Territorio e experto en cidades en desenvolvemento, mobilidade sustentable, análise espacial, planificación e modelado de fluxos peonís José Carpio-Pinedo; a responsable da Oficina Metropolitana da Bicicleta de Barcelona (AMB) e coordinadora da Rede de Cidades pola Bicicleta, Silvia Casorrán; o arquitecto urbanista e doutor en Goberno e Proxecto do Territorio pola Politécnica de Milán, cuxa tese versa sobre a evolución de la Cidade Difusa das Rías Baixas, Martín Barreiro; e finalmente o enxeñeiro especializado en planificación do transporte e coordinador de Contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot.

 

 

Silvia Casorran

Péchanse con este seminario os dous primeiros bloques da Facultade Ágora, o do bo urbanismo centrado na planificación dos espazos públicos, e o da boa mobilidade, no que se falou do tráfico necesario e de como debe ser a mobilidade para que as persoas teñan a prioridade nos seus desprazamentos. As clases retomaranse o 3 de setembro con visións máis plurais sobre o espazo público, falando dos diferentes hábitats e tamén introducindo a parte económica, comercial, as problemáticas sanitarias, infantil, de xénero e de persoas con discapacidade.

 

Audios

  • Audio