Noticias

Uxío Benítez anuncia unha actuación urxente de seguranza na vía provincial entre Forcarei e A Estrada

O deputado de Mobilidade recolleu hoxe as peticións da alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, en materia de infraestruturas


10 mar 2016
Forcarei

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe unha actuación urxente para mellorar a seguranza na vía provincial que une Forcarei e A Estrada (EP-7001). A actuación concretouse logo dun encontro entre o nacionalista e a nova directora de Mobilidade da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, coa alcaldesa de Forcarei e deputada, Belén Cachafeiro Anta.

O nacionalista, seguindo coa súa ronda de contactos cos alcaldes da provincia, recolleu as peticións da rexedora en materia de infraestruturas. Cachafeiro explicou que a prioridade inmediata é mellorar a seguranza viaria nun treito de aproximadamente catro quilómetros da EP-7001 situado nunha zona elevada e moi afectada pola néboa. Benítez comprendeu inmediatamente a urxencia da actuación (polo perigo que supón para os condutores circular sen liñas horizontais de referencia) e comprometeuse a realizar unha mellora de pintado que permita aos vehículos transitar con garantías.

Por outra banda, o deputado comprometeuse tamén a estudar a solución para unha intersección de vías na mesma EP-7001, na entrada norte da vila, xusto na confluencia co núcleo urbano. Na saída sur da vila, por esa estrada, tamén se estudará habilitar unha senda peonil que garanta a convivencia dos tránsitos a motor cos dos veciños, seguindo o decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais  que dan prioridade aos desprazamentos das persoas.

Outra das actuacións que se puxeron enriba da mesa durante a reunión foi a posibilidade da urbanización e mellora da EP-7203, entre Soutelo e Covas, cunha lonxitude de case 10 quilómetros, que comunica varios núcleos. O deputado de Mobilidade estudará a posibilidade de realizar algún tipo de intervención que permita que os veciños que a utilizan non se vexan agredidos polo tráfico a motor. "A liña xeral das actuacións da Deputación vai encamiñada a garantir a prioridade ás persoas e non aos coches, polo que se buscará a fórmula para que estes convivan no espazo", subliñou Benítez.

O deputado, así mesmo, lembroulle á alcaldesa de Forcarei que a intención do novo goberno é garantir un correcto mantemento de toda a rede de estradas provinciais, polo que escoitou as localizacións que, nestes momentos, a xuízo da rexedora, precisan de obras de conservación.

Por outra banda, o responsable de Mobilidade instou a Cachafeiro a solicitar actuacións da Deputación de Pontevedra para o concello de Forcarei en próximas fases do Plan MOVESE, xa que este goberno local de Tabeirós-Terra de Montes non presentou ningunha solicitude de obras no prazo aberto a primeiros deste ano. Benítez lembrou que máis de 40 concellos solicitaron a instalación de pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial para reducir a velocidade do tráfico e a sinistralidade.