Noticias

Uxío Benítez anuncia a re urbanización do cruce das estradas provinciais a Peitieiros, Chaín, e Morgadáns en Gondomar

O deputado de Mobilidade reuniuse hoxe co alcalde para confirmar as obras, que supoñen un investimento de 272.000 euros


22 novembro 2018
Gondomar

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe en Gondomar un investimento de preto de 272.000 euros para a re urbanización e mellora do cruce das estradas provinciais que unen o núcleo da vila coas parroquias de Peitieiros, Chaín, e Morgadáns. O representante da Deputación reuniuse co alcalde Francisco Ferreira e confirmoulle a realización das obras, que se executarán grazas a un convenio de colaboración entre ambas administracións.

Segundo explicou Benítez, coa reunión de hoxe pechouse o acordo para impulsar a obra, un proxecto solicitado polo Concello polas moitas deficiencias da intersección entre as rúas San Bieito, Emigrante e as estradas provinciais EP-2301 e EP-2302, que non é practicable con seguridade nin para os tránsitos peonís nin para o tráfico rodado.

Coa nova actuación, dixo Benítez, potenciarase a mobilidade peonil coa ampliación de beirarrúas ata os 2,5 metros de largo; instalaranse elementos de calmado de tráfico que aumentarán a seguranza viaria (pasos de peóns sobreelevados); melloraranse os servizos de alumeado público, recollida de augas pluviais e residuais; soterraranse as instalación de enerxía, alumeado e comunicacións; e adecuarase a parada de autobuses e as zonas de carga e descarga, dando en xeral unha maior calidade urbana á zona para o goce da veciñanza.

Por outra banda, o proxecto tamén aumentará a maniobrabilidade para autobuses e vehículos articulados na rotonda de conexión das rúas San Bieito e Emigrante e nos tramos iniciais das vías provinciais a Peitieiros, Chaín, e Morgadáns. De feito, a actual glorieta será demolida e re dimensionarase o seu centro para reducir o radio de xiro e favorecer o tránsito de vehículos grandes.

"Para nós esta actuación encaixa no noso modelo de recuperación do espazo público. Entendemos que é necesario mellorar a mobilidade peonil, pero tamén aumentar a seguranza viaria dun espazo no que había dificultades para manobrar para os vehículos grandes. Atendemos a demanda do Concello, que fixo o proxecto seguindo o decálogo da Deputación e o modelo de re urbanización do resto da vila e, a cambio, conseguiremos que os treitos urbanos destas estradas provinciais sexan xa transferidas ao concello", apuntou o deputado Benítez.