Noticias

Un grupo de 93 nenos e nenas do CEIP Carballal de Marín coñecen o traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Os pequenos e as pequenas aprenderon como se realiza unha loita biolóxica para tratar pragas e coñeceron as plantacións de máis de 1.000 tipos de camelias e as árbores froiteiras do terreo


11 dec 2015
O CEIP Carballal de Marín coñece o traballo de Areeiro
O CEIP Carballal de Marín coñece o traballo de Areeiro

Un grupo de 93 alumnos e alumnas do CEIP Carballal de Marín coñeceu hoxe o traballo realizado polos técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. Os rapaces dividíronse en catro grupos para visitar os laboratorios e o terreo, nos que foron instruídos sobre o día a día do centro de investigación.

Xunto aos seus profesores as pequenas e os pequenos aprenderon como se realiza a cría de insectos e en que consiste a loita biolóxica con eles contra determinadas pragas; é dicir, como se poden controlar os insectos prexudiciais para os cultivos ou as árbores con outros insectos que controlen a súa poboación. Neste campo tamén coñeceron moitos datos sobre os fungos, coma o modo no que se cultivan no laboratorio para poder estudalos e identificalos; como medran e tamén como se utilizan no control dalgunhas enfermidades das plantas que reducen as colleitas e as producións.

Os pequenos tamén pasearon polas plantacións de froiteiras nas que se producen os kiwis, kiwiños, feixoas, guaiabos e outras froitas que foron introducidas e melloradas xeneticamente pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro para que se adaptasen á climatoloxía e ás condicións da terra galega. Esas froitas xa eran coñecidas polos nenos e as nenas, posto que xa as probaran e comeran durante a clase de froitas de outono que desenvolveu o seu centro escolar en colaboración coa Deputación hai un par de meses.

Por último, os alumnos do CEIP Carballal tamén coñeceron os diferentes tipos, formas e cores das flores de camelia, que agora están en plena floración e das que en Areeiro hai máis de mil tipos diferentes. Visitaron as plantacións de camelia das que se obtén o té e foron testemuñas de como se fai a colleita das follas e do proceso polo que esas follas se converten na infusión que logo preparan nas súas casas.

A deputada Eva Vilaverde indicou a importancia deste tipo de actividades de achegamento da ciencia aos rapaces e ás rapazas. Subliñou que coas visitas aos centros de investigación e ás plantacións dependentes da Deputación os novos estudantes asimilan de xeito moito máis natural o coñecemento, ao vivilo en primeira persoa, e complementan a súa formación teórica. Vilaverde quixo resaltar tamén o traballo divulgativo que se realiza desde a Estación de Areeiro, tanto a través deste tipo de visitas concertadas con centros escolares como pola oferta de unidades didácticas para traballar coas camelias e as froitas de outono.


Novas relacionadas

Escolares do CEIP Valle Inclán de O Grove visitan o centro de compostaxe comunitario

20 abril 2017, compost, colexio, escolares, nenos e nenas