Noticias

Escolares do CEIP Valle Inclán do Grove visitan o centro de compostaxe comunitario


20 abril 2017
Escolares do CEIP Valle Inclán de O Grove visitan o centro de compostaxe comunitario

O alumnado do CEIP Valle Inclán do Grove realizou esta mañá unha visita ao centro de compostaxe comunitario, actividade que quedara adiada por mor do mal tempo, para coñecer o proceso de compostaxe de lixo orgánico dentro dos obradoiros promovidos pola Deputación de Pontevedra.

O CEIP Valle Inclán do Grove é un dos 16 centros escolares da provincia que nas últimas semanas está "a voltas coa compostaxe". Este título dun dos obradoiros resume o traballo feito no centro educativo, no que as nenas e nenos do centro participaron en diferentes actividades co fin de aprender como xestionar o lixo orgánico de xeito ambientalmente sostible.

Onte foi a quenda do obradoiro "Quen vive aí?", no que pequenas e pequenos descubriron a vida interior que hai nos composteiros tanto individuais coma comunitarios, e identificaron os invertebrados que participan activamente no proceso de obtención do compost. Así coñeceron os distintos tipos de bichos colléndoos elas e eles mesmos e observándoos con material de aumento.

A visita ao centro comunitario supón culminar o traballo sobre compostaxe que se realiza no centro desde o mes de febreiro. Primeiro, as e os profesores participaron nunha xornada de formación para docentes e, despois, grazas ás e aos monitores do CEIDA, as nenas e nenos aproveitaron as actividades denominadas "Xogos sobre residuos", "Poñendo en marcha o composteiro" ou "A voltas coa compostaxe" dirixidos a diferentes idades.

A intención destes obradoiros, que a Deputación de Pontevedra realiza dentro do Plan Revitaliza co Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), é concienciar o alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económico e ecolóxico que os tratamentos actuais.

A Deputación de Pontevedra, a través do Plan Revitaliza, está a facer unha aposta clara pola colaboración cos concellos na posta en marcha de centros comunitarios de tratamento biolóxico e polo impulso da compostaxe como sistema de xestión de lixo.


Novas relacionadas

Nenos aprendendo

18 marzo 2017, o grove, compostaxe, nenos, plan compost revitaliza, plan revitaliza
compost

06 marzo 2017, compostaje, compostaxe, obradoiros, talleres, colexio