Noticias

Un ‘escaparate-fotocol' anima á cidadanía a participar na promoción do LV Concurso Exposición da Camelia

Está situado na rúa Michelena, á altura do número 10, e permite que todas as persoas que o desexen suban as súas fotos ás redes sociais co cancelo #VisitCamelia19


28 febreiro 2019
Camelia

"O que queremos con este esparate-fotocol é dar a coñecer a camelia, achegar a camelia á xente e popularizala, que deixe de considerarse como algo clasista e que chegue ao pobo, e que mellor que ir a onde estea a xente, ás rúas, e formar parte deste modelo de cidade que tanto nos gusta" así explicaba a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, o sentido da acción de rúa que desde a Deputación se vén de poñer en marcha para promocionar o LV Concurso Exposición Internacional da Camelia. O escaparate-fotocol está situado na rúa Michelena, á altura do número 10, e foi estreado esta mañá pola deputada e polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que foron os primeiros en subir un selfie aos perfís das redes sociais tanto da Deputación como do Concello. No acto de apertura, tamén participaron a xefa do Servizo da EFA, Carme Salinero, o xefe de cociña do Eirado da Leña, Javier Alonso, e a xefa de sala e sommelier, Raquel Fernández.

O local da rúa Michelena foi acondicionado como un xardín de verán dentro dun escaparate para que calquera persoa poida fotografarse dentro do escaparate, no horario de apertura, ou desde o exterior, cando permaneza pechado, e que suban as fotografías ás redes sociais co cancelo #VisitCamelia19. "Apelamos á complicidade da xente" afirmou Eva Vilaverde, explicando que "é unha acción moi participativa, na que buscamos que a xente interactúe, e ademais é unha acción accesible para calquera persoa". A deputada explicou que o cancelo #VisitCamelia19 conecta todos os contidos fotográficos xerados polo público e que se irán recompilando as imaxes máis creativas para subilas a un álbum no Facebook institucional da Deputación. Tamén indicou que "deste xeito conectamos o concurso-exposición coas novas formas de comunicación asociadas ás redes sociais" e explicou que "aquí xogamos coa idea da camelia na súa expresión máis coñecida, que é a flor ornamental, e toda a camelia que hai no interior procede da EFA."

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores definiu esta acción como "novidosa e moi creativa" e asegurou que todo o relacionado coa camelia en Pontevedra promove "a colaboración de absolutamente todo o mundo, desde xente que lle gusta o deseño, ata xente que é innovadora na hostalaría, e científicas e científicos que traballaron sempre na camelia."

Ademais de dar a coñecer oficialmente o escaparate-fotocol, a deputada delegada da EFA tamén deu a coñecer o programa definitivo das actividades que terán lugar os días 9 e 10 de marzo no recinto feiral de Pontevedra. Así, está previsto que o concurso-exposición se abra ao público ás 18h do sábado, e nesa mesma tarde, ás 19:30h, terá lugar o showcooking a cargo do cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal, baixo o título ‘A camelia entre fogóns'. Precisamente esta mañá, o seu xefe de cociña e a súa xefa de sala e sommelier, Javier Alonso e Raquel Fernández, achegaron ata a rúa Michelena un pequeno petisco do que o público poderá gozar no showcooking: un vistoso e saboroso brioche rosa feito con aceite de camelia e con pétalos tamén de flor de camelia.

Eva Vilaverde puxo especial énfase nas charlas técnicas que terán lugar o domingo día 10, por ser a principal novidade desta edición, na que se quere poñer o acento nos usos produtivos e xeradores de emprego da camelia. A primeira das charlas terá lugar ás 11h e versará sobre os principais problemas fitosanitarios que afectan á camelia na actualidade. Será impartida polo doutor enxeñeiro en Montes, Pedro Mansilla, e está orientada principalmente a profesionais, como viveiristas, e ás persoas que cultivan camelia, como por exemplo as e os expositores que participan no propio evento. Xa pola tarde, ás 17h, será Carmen Salinero a encargada de impartir unha charla que conecta a camelia co aproveitamento forestal, un enfoque que Eva Vilaverde definiu como "moi novidoso". Nesta charla falarase da camelia como especie restauradora do monte, por tratarse dunha especie non pirofita que pode utilizarse nas franxas de protección e como corta lumes, e tamén como cultivo produtivo, ben en plantacións mixtas –combinando plantacións de té con especies forestais-, ben como plantacións orientadas a produción de semente para té ou produción de madeira, e mesmo rama verde e flor con fins ornamentais. Sobre esta parte do programa tamén se manifestou Miguel Anxo Fernández Lorez quen asegurou que "aquí a clave é que os días 9 e 10 imos ter actividades múltiples" e que "cada vez máis se está comprobando que a camelia pode ter usos produtivos e xeradores de emprego."

Tamén o domingo día 10, está prevista a entrega de premios do concurso –que terá lugar ás 12h-, e a presentación do libro "Xardíns históricos da provincia de Pontevedra", que está coordinado pola xefa de Servizo da EFA, Carmen Salinero, conta con textos da autoría da propia Carmen Salinero, de Ángeles Barros, Gaspar Bernárdez, Xesús Fernández, e Antonio Rigueiro, e fai un exhaustivo e rigoroso percorrido pola historia, conxuntos botánicos, exemplares singulares de cada un dos xardíns da provincia. Ambos os dous días, se habilitará un espazo infantil para crianzas maiores de 3 anos, atendido por monitoras e monitores.

Ademais, este programa impreso tamén pode recollerse na rúa Michelena desde o venres 1 ao xoves 7, ambos inclusive. Polas mañás este espazo permanecerá aberto de 12 a 14h, e polas tardes de 18 a 20h, agás o sábado 2, que non se abrirá pola tarde por coincidir co desfile de entroido. O venres 8 non se abrirá por causa do 8M e en apoio á folga feminista.