Noticias

A Deputación inicia a "conta atrás" para o LV Concurso-Exposición Internacional da Camelia

Terá lugar os días 9 e 10 de marzo no recinto feiral de Pontevedra e fará fincapé nos usos produtivos e forestais deste cultivo


12 febreiro 2019
lV Concurso-Exposición Internacional da Camelia

"Comezamos a conta atrás para o LV Concurso-Exposición Internacional da Camelia" anunciou esta mañá a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, indicando que "coa publicación das bases prevista para mañá, xa se abre o prazo ao día seguinte para que as persoas que desexen participar no concurso se poidan inscribir". Vilaverde fixo públicas as datas nas que terá lugar este evento, que corresponden coa fin de semana do 9 e do 10 de marzo, e que volverá ubicarse, ao igual que hai tres anos, no Recinto Feiral de Pontevedra. Sobre a previsión de participación, asegurou que a Deputación espera volver a repetir as cifras da edición de 2016, que se situara en torno as 70 expositoras e expositores. Tamén asegurou contar coa mesma previsión en canto a visitantes, que se situara en máis de 7.000 persoas. "É unha cita que xera unha grande expectación polo as nosas expectativas tamén son altas" asegurou a deputada.

Eva Vilaverde compareceu esta mañá para presentar a imaxe que rexerá toda a comunicación e os materiais que se xeren ao redor desta cita e para facer un avance do programa de actividades que se incluirán paralelamente á exposición. "Hai algunhas cousas do programa que decidimos manter e outras que introducimos novas, e entre as novidades eu quero destacar as xornadas técnicas centradas nos usos produtivos e forestais do cultivo da camelia" asegurou. Eva Vilaverde explicou que "hai tres anos incidimos máis no carácter poliédrico da camelia, con un programa centrado no que denominaramos os cinco sentidos da camelia e que estaba delimitado en cinco espazos, e nesta ocasión queremos centrarnos no que para nós é a pata máis débil neste momento e que é o seu carácter produtivo". Atendendo a estes usos produtivos, a deputada explicou que terán lugar dúas xornadas técnicas, unha delas sobre os aspectos sanitarios e o manexo cultural da camelia, orientado a persoas propietarias de camelia e a profesionais que traballan con este cultivo; e outra dedicada ao uso forestal da camelia como especie restauradora en zonas de monte, máis específica para persoas e entidades propietarias de monte e que aborda este cultivo dun xeito novidoso.

En canto a actividades que si se repetirán, Vilaverde citou o espazo gastronómico, no que se realizará un espectáculo de cociña en directo no que a protagonista será a camelia e os produtos derivados dela. A este respecto indicou que "esta actividade fora un boom fai tres anos e queremos mantela, e para iso contaremos co cociñeiro Iñaki Bretal, que comezou a colaborar con nós desde aquela primeira experiencia, e que volverá a participar en colaboración tamén co CIFP Carlos Oroza para poñer en valor todas as potencialidades culinarias da camelia".

Doutra banda, e atendendo ao carácter botánico e histórico da camelia e á súa presenza na provincia, Eva Vilaverde anunciou que a Deputación está traballando na edición dun libro que recolle os xardíns históricos da provincia e que tamén será presentado no marco do Concurso-Exposición. O libro, que está coordinado pola xefa de Servizo da EFA, Carmen Salinero, conta con textos da autoría da propia Carmen Salinero, de Ángeles Barros, Gaspar Bernárdez, Xesús Fernández, e Antonio Rigueiro, e fai un exhaustivo e rigoroso percorrido pola historia, conxuntos botánicos, exemplares singulares de diferentes especies de árbores, e singularidades de cada un dos xardíns da provincia de Pontevedra.

No programa desta edición tamén se incluirá un espazo infantil durante a maior parte do tempo de apertura ao publico, atendido por monitoras e monitores.

Imaxe actual

"É a primeira vez que presento un evento relacionado coa camelia sen ter flores de camelia, e isto débese a que hoxe quería que o protagonismo fose para esta imaxe que me acompaña" asegurou a deputada, referíndose á imaxe do cartel deseñado para esta edición. En palabras súas trátase "dunha imaxe que dá un toque máis actual, máis potente, e máis moderno" e que "encaixa co traballo que levamos facendo nos últimos tres anos para actualizar a imaxe que queremos dar da camelia".

Eva Vilaverde indicou que o cartel "foi deseñado polo persoal da Deputación" e aproveitou para "felicitar e recoñecer publicamente todo o traballo que está facendo o Servizo de Comunicación Institucional da Deputación, porque a verdade é que estamos moi satisfeitas con esta proposta que nos parece moi fresca e moi axeitada co que queremos facer e co queremos transmitir".

Bases e zona de exposición

Segundo estipulan as bases, as inscricións do concurso realizaranse a través do formulario normalizado dispoñible na web da Deputación de Pontevedra, https://www.depo.gal, desde o día seguinte da publicación das bases e ata as 13:00 horas do martes 5 de marzo de 2019. Poderán concorrer todas as persoas maiores de idade, profesionais ou afeccionadas, nacionais ou estranxeiras, persoas físicas ou xurídicas, sempre que realicen a súa inscrición segundo o establecido nas bases; e poderán presentarse flores de calquera especie e variedade de Camellia así como calquera híbrido seu.

Ao igual que en anteriores edicións, as bases recollen os premios establecidos no concurso como a Camelia de Ouro, os premios aos mellores lotes de camellia reticulata, japónica, ou híbridos, premios ás mellores presentacións artísticas, o premio especial Antonio Odriozola, e o premio especial da Sociedade Española da Camelia.

"Trataremos de que o espazo de exposición sexa cómodo e funcional para as persoas visitantes e tamén para as persoas que participan, tanto dentro de concurso como fóra de concurso" asegurou Eva Vilaverde. Neste apartado insistiu en que "o importante é poder apreciar as flores polo que esperamos que o deseño desta zona sexa do agrado de todas e de todos, porque esta parte é a que máis interesa e a que máis xente atrae ao recinto".