Noticias

Un cento de rapazas e rapaces do CEIP Froebel aproveitan as prazas de Pontevedra para xogar no primeiro Roteiro Tonucci da Deputación de Pontevedra

Alumnas e alumnos de 1.º a 4.º de primaria participaron da man de Migallas nas actividades complementarias da exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato"


08 maio 2017
Roteiro Tonucci

Con gorras vermellas co lema "Cidade d@s nen@s. Perdoen as molestias, estamos a xogar para vostedes", un cento de rapazas e rapaces de 1.º a 4.º de primaria participaron hoxe no primeiro Roteiro Tonucci organizado pola Deputación de Pontevedra. Esta actividade, complementaria á exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" que se está a desenvolver no Pazo da Cultura, pretende ser unha maneira de que pequenas e pequenos de diferentes localidades da provincia gocen da cidade de Pontevedra, considerada a cidade das nenas e dos nenos polo pedagogo italiano, aproveitando os espazos públicos gañados ao coche.

A xornada comezou no Pazo provincial da man do vicepresidente Mosquera que, acompañado do deputado Xosé Leal, da deputada Eva Vilaverde e da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, deulles a benvida a pequenas e pequenos, aos que lles explicou que as e os políticos da cidade de Pontevedra tomaron a decisión de retirar os coches das rúas para que as nenas e nenos poidan xogar con tranquilidade. "Agardamos que moitas localidades sigan o exemplo, e a pasalo ben!", animounos. E, desde entón, o grupo non tivo parada.

A compañía de teatro Migallas empezou entón a súa particular función interactiva cas nenas e nenos que, a modo de xincana, percorreron as prazas da cidade buscando pistas, xogando, bailando e cantando ata chegar á praza da Pedreira. A primeira parada foi a estatua dos Heroes de Ponte Sampaio, na praza de España. Alí, as monitoras e monitores lembraron que antes pasaban por esa praza miles de coches… "e agora celébranse as festas da Peregrina", dixeron. A primeira proba? Pois bailar e cantar como se fosen as festas: de dous en dous, de catro en catro, de oito en oito, de dezaseis en dezaseis…

Despois tocou descansar e, sentado á sombra, o alumnado realizou un pequeno "consello das nenas e dos nenos'" como o que propón Francesco Tonucci para que achegen a súa visión da cidade e colaboren co alcalde no seu deseño. Nesta ocasión as peticións para Fernández Lores foron claras e chegaron da man de Sofía, Roque, Iria e Martín: aínda máis sitios para xogar, máis zonas verdes, menos contaminación e máis poder de decisión para pequenas e pequenos e poder facer as cousas que lles gustan.

A seguinte praza invadida polas nenas e nenos do CEIP Froebel foi a de Santa María. Alí correron para xogar a pillar e á roda do lobo, volveron bailar e cantar… Todo sempre con música de fondo. As adiviñas leváronos ata o cruceiro das Cinco Rúas e despois ata a praza de Méndez Núñez, onde logo de recoller unha pista na Casa dos Paraugas (unha cesta con ovos) acertaron como se chamaba antes a praza –pola actividade que se realizaba nela–: a praza das Galiñas.

A xornada de mañá rematou pouco antes das dúas da tarde na praza da Pedreira onde, divididos en grupos, as pequenas e pequenos realizaron diferentes xogos tradicionais: peletre, birlos, chave, corda, caixas, barquiños de papel… Xa pola tarde, o grupo de 100 escolares visitou a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" que está no Pazo da Cultura. Alí coñeceron as viñetas máis significativas de Francesco Tonucci e participaron en obradoiros de bicicleta, construcións, xogos e natureza realizando moitos experimentos e actividades.

Está previsto que nas vindeiras semanas participen tamén dos roteiros Tonucci da Deputación escolares de Lalín, O Porriño, Pontevedra, Tomiño, Vilanova de Arousa, As Neves e Tui, entre outras localidades. Todos eles súmanse ás persoas que visitaron a exposición do Pazo da Cultura, aberta ata o 11 de xuño con visitas concertadas con centros escolares e tamén permite o acceso de xeito gratuíto todos os días da semana a toda a cidadanía. A mostra é unha compilación de viñetas de Frato e un grande campo de xogos (1.500 metros cadrados) e experimentación para a cativada.

Fotos