Noticias

Cinco colexios da área de Vigo percorren a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato"

A mostra pechará este domingo tras unha grande acollida entre a comunidade escolar e o público xeral


09 xuño 2017
Tonucci

A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a traxectoria e as viñetas de Francesco Tonucci encara xa a súa recta final. O último día para visitala será este domingo día 11 en horario de mañá.

A mostra está a resultar todo un éxito e xa a mediados de maio superaba as 4.000 visitas, cifra na que se contan tanto as visitas concertadas cos colexios de toda a provincia como tamén as realizadas de xeito libre por grupos, asociacións, entidades e veciñas e veciños de Pontevedra e outros concellos contou nestes últimos días coa participación de grupos do CEP Pedro Caselles –Tomiño–, CRA Antía Cal de Gondomar, CEIP Otero Pedrayo de Vigo, CEIP Santa Mariña Becerreira Cabral de Vigo e do CEIP Plurilingüe de Guillarei, de Tui.

En total, pasarán pola exposición –de xeito concertado– 57 centros educativos de 24 concellos da provincia e outras localidades do país, estando adheridos dez deles ao proxecto "Cidades das nenas e dos nenos" de Francesco Tonucci, que propón que os espazos públicos se deseñen á medida da cativada para que sexan válidos para o resto da cidadanía.

A exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato" fai un percorrido polas viñetas máis representativas de Francesco Tonucci–asinadas co seudónimo de Frato desde hai 50 anos–, que aportan unha visión do mundo moi crítica a través dos ollos da cativada. Ao mesmo tempo ofrece un grande espazo de xogos e obradoiros para que nenas e nenos desenvolvan libremente a súa autonomía, intelixencia, creatividade e a súa capacidade para aprender e construír: hai un obradoiro de bicicletas, un para crear figuras de construcións, un espazo de xogos tradicionais, un área de natureza para facer experimentos e incluso zonas de teatro e debate abertas a todas as persoas visitantes. O que se busca, principalmente, é a interacción coas persoas visitantes.

As últimas oportunidades para visitar a mostra, que é de balde, serán hoxe de 17 a 20 horas, mañá sábado de 11 a 13.30 horas e de 17 a 20 horas e o domingo de 11 a 14 horas.